Monday 25 de November de 2024

O concello concorre a convocatoria de axudas da Xunta e Deputación para fomentar o emprego


Con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental preséntanse iniciativas dirixidas a mellorar a rede de saneamento, as instalacións do CIM e establecer novos puntos de recollida de residuos sólidos urbanos.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer a programas convocados por outras administracións co propósito de fomentar o emprego por medio da contratación de persoal para a prestación de servizos municipais de interese xeral.

Por unha parte está o programa Aprol Rural -convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia- a través do que o Concello pretende formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes que serían contratadas por un período de nove meses.

O Concello tamén concorre ao programa de emprego local (PEL Concellos) -impulsado pola Deputación da Coruña-, neste caso coa intención de contratar persoal para a realización de obras e servizos municipais como instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, mantemento de espazos públicos, apoio loxístico aos servizos municipais, etc. Neste caso o período de contratación sería de cinco meses e os beneficiarios, persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.
Á Deputación da Coruña tamén se lle solicita a colaboración para a contratación dun técnico de turismo.

Fondo de compensación ambiental

A Xunta de Goberno Local autorizou concorrer a diferentes liñas de axudas económicas do Fondo de Compensación Ambiental que convoca a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

Unha delas tería por fin o financiamento do proxecto de mellora da rede de saneamento no lugar de A Braña Grande (parroquia de Cabovilaño), que alcanza un orzamento de 40.000 euros.
Outra das iniciativas municipais que se solicita cofinanciar co Fondo de Compensación Ambiental é a rehabilitación das instalacións do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a mellora do seu equipamento informático e mobiliario.

O Concello tamén presenta unha proposta para adquirir novos contedores de residuos sólidos urbanos co propósito de establecer novos puntos de recollida en diferentes localizacións do termo municipal.