Saturday 16 de November de 2024

A Banda Municipal de Música achégase ao ‘Poder do son’, con Óscar Vázquez, solista en trombón baixo da Sinfónica de Galicia, como artista convidado


O espectáculo, que terá lugar este domingo 26 (12.15 horas) no Teatro Colón, será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto

O Teatro Colón acolle este domingo 26, a partir das 12.15 horas, un novo concerto do Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), un programa de actuacións presentado pola alcaldesa, Inés Rey, a mediados de xaneiro, e que se estenderá ata finais de maio, levando a Banda a diversas localizacións da cidade como o Teatro Colón e o Ágora en máis de 40 concertos

Nesta ocasión, a Banda Municipal de Música achegarase ao ‘Poder do son’. O programa do concerto divídese en dúas partes. A primeira, centrada na forma máis explícita do poder do son, “coa ambición reflectida en dúas composicións dedicadas a dúas figuras históricas, dous conquistadores como Alejandro Magno e Atila”, apuntou o director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis.

A peza sobre Alejandro Magno, unha suite sinfónica “case con música de película”, abrirá camiño aos tres movementos que integran a composición sobre Atila, personificado a través dun instrumento, o trombón baixo, a cargo de Óscar Vázquez Valiño, especialista da Orquestra Sinfónica de Galicia neste ámbito e artista convidado da BMMC na actuación deste domingo, como solista.

Na segunda parte a Banda Municipal interpretará a terceira sinfonía do compositor
estadounidense Alfred Reed, unha obra cun gran poder de sonoridade a respecto das familias instrumentais da banda. Esta peza completará a segunda metade da actuación. Como xa é habitual, a sesión será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Retransmitirase tamén en directo a través da canle oficial da BMMC en YouTube.