Friday 22 de November de 2024

O Centro de Recursos Solidarios contará con 15 puntos de recollida de roupa e calzado na cidade


A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse este mediodía á zona da Gándara con motivo da colocación dos primeiros puntos de recollida de roupa –de persoas e do fogar- e calzado do Centro de Recursos Solidarios de Narón. Ferreiro explicou que todo o material que se recolla irá á empresa Insertega (Iniciativa Social Emprendedora del Reciclaje Textil de Galicia), cunha delegación da empresa en Narón, que aboará unha cantidade fixa por quilo de roupa e calzado ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Ademais dos representantes do goberno local acudiron Ana Pena, secretaria do CRS e tamén persoal do Insertega e da empresa Urbaser. Ferreiro apuntou que se instalarán un total de quince puntos de recollida –dous deles están nas inmediacións do Centro Comercial Odeón, na avenida Castelao- na zona urbana e rural do termo municipal e que se sumarán a outros quince instalados con anterioridade a través doutras iniciativas.

A rexedora local destacou a vertente solidaria desta iniciativa e tamén o feito de que “máis do 90% do plantel que traballa en Insertega ten algún tipo de discapacidade, polo que a empresa realiza unha importante labor social e tamén de reciclaxe, ao convertir o material en paneis interiores ou asientos de automóbiles, recheos de colchóns, paños de limpeza industrial, artículos como mesas e lámpadas, entre outros produtos”. A empresa realiza tamén en determinados casos recollidas a domicilio, en función do volumen, podendo concertalas a través do teléfono 981 922 905 ou do correo electrónico: info@insertega.org.

Dende a empresa Insertega destacaron os beneficios para os concellos en materia medioambiental e o traballo que realizan e incidiron na importancia de fomentar a economía circular, usando as materias primas obtidas coa reciclaxe e engandíndoas á fabricación de novos produtos.

O Concello e o Centro de Recursos Solidarios, dende onde valoraron a colocación dos novos contenedores, levan tempo traballando nesta iniciativa.