Friday 22 de November de 2024

Inés Rey sitúa A Coruña como capital audiovisual de Galicia na presentación da IV Semana do Cinema Galego


A cita terá lugar do 14 ao 19 de marzo no Teatro Colón coa proxección gratuíta de nove filmes nominados aos Mestre Mateo

A alcaldesa destacou a vinculación do cinema galego coa Coruña desde a súa orixe a través de José Sellier, autor da primeira película galega

A Coruña acollerá do 14 ao 19 de marzo a IV Semana do Cinema Galego, un dos eventos cinematográficos máis importantes do país onde se proxectan as mellores producións audiovisuais galegas do último ano. A alcaldesa, Inés Rey, interveu no acto de presentación xunto con Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA) e Xosé Regueira Varela, vicepresidente da Deputación da Coruña.

A rexedora sinalou que “A Coruña é a capital galega do cinema porque aquí é onde naceu da man de José Sellier, pioneiro do cinema e autor da primeira película galega, e desde o Concello seguiremos apostando para que a cidade siga na vangarda do audiovisual”. Puxo como exemplo a posta en marcha do proxecto Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual, xunto coa Deputación e o Goberno de España, que desde o próximo ano unirá a cultura e a tecnoloxía na Cidade das TIC cun plató inmersivo pioneiro en Europa.

Pola súa banda, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, salientou o carácter “selecto e diverso dunha programación que condensa o mellor do panorama galego actual”, que regresa á gran pantalla en aberto para todos os públicos e que vai estar articulada en “sesións nas que os equipos artísticos e técnicos das películas poderán compartir co público a súa visión persoal sobre os traballos e tamén as anécdotas que non saen na pantalla”.

Programación da Semana do Cinema

A IV Semana do Cinema Galego contará coa proxección dun total de nove filmes no Teatro Colón ao longo de seis días, entre o 14 e o 19 de marzo con acceso de balde ata completar capacidade. Proxectaranse os filmes seleccionados como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo, que suman un total de 40 nominacións, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras.

Os coruñeses e coruñesas poderán visionar as longametraxes de ficción “Código Emperador”, “Live is Life”,” O corpo aberto” e “O home e o can”; os documentais “A Foreign Song”, “María Casares. A muller que viviu mil vidas”, “No somos nada”, “Onde máis doe” e a película de animación gañadora do Goya en 2022: “Valentina”. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar a capacidade.

Logo da boa acollida da súa pasada edición, con máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron os pases dos dez filmes proxectados en 2022, a mostra repite fórmula neste 2023 e propón unha semana para celebrar a puxanza do audiovisual galego na compaña dos seus profesionais. Unha ocasión que se consolida na súa cuarta edición como unha das grandes citas cinematográficas da tempada e que situará, de novo, a cidade da Coruña no eixe da Sétima Arte.

A programación ao detalle
● Martes 14 de marzo
o 19:30 h | Inauguración oficial
o 20:00 h | Código Emperador
● Mércores 15 de marzo
o 20:00 h | María Casares. A muller que viviu mil vidas
● Xoves 16 de marzo
o 20:00 h | Onde máis doe
o 22:00 h | O home e o can
● Venres 17 de marzo
o 20:00 h | A Foreign Song

o 22:00 h | No somos nada
● Sábado 18 de marzo
o 19:30 h | Live is Life. La gran aventura
o 22:00 h | O corpo aberto
● Domingo 19 de marzo
o 11:30 h | Valentina