Fariña pon de manifesto as carencias de persoal en varios departamentos do concello, poñendo o foco sobre Obras e Servizos, Urbanismo, Servizos Sociais e Policía Local. En calquera destes casos ese reforzo revélase como moi necesario se o concello pretende prestar un servizo público de calidade e áxil á veciñanza de Bergondo.
POLICÍA LOCAL: Recentemente o corpo de policía local perdeu un efectivo, ao cambiar un dos axentes o seu posto en Bergondo por outro destino. Ademais diso aínda hai outra praza sen cubrir a día de hoxe. En todo caso, resulta necesario xa non só repoñer a perda de efectivos, senón ir un paso máis aló e ampliar o cadro de persoal ata posibilitar, nunha primeira fase de ampliación de horarios, dispoñer de policía local todos os días do ano, incluíndo fins de semana e festivos. Pódese facer, e farase.
URBANISMO: A día de hoxe o departamento pasa por dificultades no que respecta ás licenzas de obra maior. A carga de traballo é enorme e o arquitecto municipal está claramente sobrepasado. Isto tradúcese nun incremento importante nos tempos de espera que a cidadanía ten que soportar para obter licenzas de construción de novas vivendas ou de rehabilitación ou reforma doutras xa existentes. Con independencia de que moitas desas licenzas están condicionadas por autorizacións sectoriais doutras administracións ou organismos, o certo e verdade é que o tempo de tramitación nalgúns casos está sendo excesivo. É urxente reforzar o departamento nesa parte de obras maiores ou contratar unha asistencia técnica externa temporal para “desatascar” o problema. Tanto unha opción como a outra foron formuladas á alcaldesa por parte de Juan Fariña e o propio persoal do departamento, mais -cando menos polo de agora- esas solicitudes non foron atendidas pola rexedora. A situación é complicada. Non obstante, e se non se lle busca solución a curto prazo, cando Alternativa acceda á alcaldía tomaranse medidas urxentes para paliar algo que está afectando, e de que maneira!, a moita xente.
BRIGADA DE OBRAS MUNICIPAIS: O número de efectivos no departamento de Obras é claramente insuficiente. Non é algo novo, mais iso non debe ser tomado como escusa para seguir polo mesmo camiño como ata o de agora. Se xa a escaseza de persoal era notoria, recentemente xubilouse o capataz de Obras. A día de hoxe non hai un albanel en plantilla e o número de persoas dispoñibles, tanto para pequenos arranxos, mantementos varios ou pequenas obras (que sempre abundan) ou para o coidado axeitado de xardíns e zonas verdes é moi deficiente. Por moi boa disposición que o persoal amose é imposible ter ben atendido un concello da extensión territorial do noso con un número tan reducido de efectivos. Con Alternativa na alcaldía daráselle unha volta completa a este asunto. Porque a política seguida ata o de agora, a de “non se pode contratar xente e hai que ir tirando co que hai” non nos leva a ningures.
SERVIZOS SOCIAIS: A traballadora social está tamén claramente sobrepasada pola carga de traballo. E se a importancia dos outros departamentos referidos é enorme a dos Servizos Sociais non o é menos. Antes ao contrario, os casos que alí se tratan; a axuda no fogar, a dependencia… e unha casuística enorme doutros problemas ou circunstancias fan que o nivel de urxencia sexa maior. Haberá que tomar medidas de reforzo importantes, e canto antes.
En definitiva, podemos asegurar que tanto Alternativa dos Veciños como Fariña teñen perfectamente identificados os principais problemas e as súas posibles solucións en partes do entramado local que son auténticos piares dun concello. En palabras do noso candidato á alcaldía: “Primeiro que nada hai que solucionar o fundamental. As festas ou excursións son importantes, pero o primeiro debe ser o primeiro”.