Saturday 16 de November de 2024

A compostaxe posibilitou o descenso do peso nos contedores xenéricos da Pobra en 2022


A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal aposta pola xestión da materia orgánica na orixe, unha cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos.

Para tal fin, a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra) explica que a Administración local puxo en marcha dúas liñas de compostaxe que, en 2022, prestou servizo a 215 domicilios inscritos (645 habitantes). A participación desta veciñanza tradúcese en aproximadamente 111’59 toneladas de materia orgánica que non se baleirou nos 449 contedores xenéricos dispoñibles no termo municipal cun rexistro no pasado exercicio de 3827 toneladas.

A compostaxe doméstica destínase a vivendas con parcela e tamén se conta coa implicación da comunidade educativa. Doutra banda, a comunitaria diríxese a persoas residentes en edificios e vivendas unifamiliares sen terreo. As tres illas da compostaxe comunitaria sitúanse na zona do Castelo, nas pistas de Raquel Fernández Soler e na contorna do paseo da Xunqueira: tres espazos próximos a núcleos densos de poboación do centro urbano.

En ámbolos casos proseguen abertas as inscricións que se deben formalizar no rexistro do Concello.