Friday 22 de November de 2024

O BNG esíxelle ao Goberno escoitar o clamor da veciñanza de Corrubedo para ter atención sanitaria a tempo completo


O BNG segue mantendo o seu apoio incodincional á veciñanza de Corrubedo e insta ao Executivo galego a aplicar as medidas para resolver a situación de colapso e precarización do sistema público de saúde en Ribeira e Corrubedo.

A concelleira do BNG Cruz Rivadulla, que estivo como tódolos xoves na mobilización que realiza a veciñanza de Corrubedo para demandar médico a tempo completo, afirma que o PP trata de “buscar culpables no canto de buscar solucións”. A mellora da sanidade pública galega non se entende, detallou Rivadulla, sen un aumento do orzamento destinado a Atención Primaria “a OMS recomenda destinar o 25% do total destinado a Sanidade e en Galiza destínase só o 14%”.

Desde o BNG recriminan que o alcalde ribeirense estea de “brazos cruzados” mentres o Partido Popular está “deteriorando a atención sanitaria no concello de Ribeira con prazas vacantes de persoal médico que non se cobre” provocando listas de espera ou desprazamentos desde as parroquias até o colapsado centro de saúde de Ribeira.

Rivadulla declara que “seguiremos traballando até que se solucionen os problemas na Sanidade pública” e defendeu o plan proposto polo BNG para dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica odontoloxía ou fisioterapia e investimentos comezando por un plan de choque de 200 millóns de euros para reducir as listas de espera así como comezar a reverter os 2.339 millóns de euros que o PP xa recurtou na sanidade pública dende 2009.