Enviamos imaxes do accidente sen consecuencias sufrido esta mañá pouco antes das 8:00h por un autobús da empresa Arriva que facía a liña Lugo-Vilalba-As Pontes-Ferrol . O suceso produciuse na autovía AG-64 preto da saída da Penavidreira en sentido Ferrol, en Naraío (San Sadurniño). Non houbo feridos e todo quedou nun susto para o condutor e as tres persoas que viaxaban a bordo.
A acumulación de saraiba nese punto da estrada puido ser a causa de que o autocar derrapase, batendo primeiro na mediana e ficando despois atravesado sobre a cuneta, cortando coa súa parte traseira un dos carrís de baixada en sentido Ferrol.
Insistimos en que o accidente non tivo maiores consecuencias e as tres persoas viaxeiras puideron chegar ao seu destino nunha furgoneta enviada pola empresa de transportes.
Ao lugar do percance acudiron dúas patrullas e un vehículo de Atestados da Garda Civil, ademais de persoal de conservación.