A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto da ordenanza reguladora da administración dixital do Concello, que permitirá modernizar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas e privadas desde a Administración municipal
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a modificación de contrato precisa para ampliar a oito horas diarias a atención no servizo da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM), que entrará en vigor o vindeiro día 1 de abril.
A ampliación a oito horas do horario das Escolas Infantís Municipais foi aprobada no Pleno celebrado a finais do pasado mes de novembro. Posteriormente, a comezos de febreiro, tamén en XGL, acordouse a modificación do regulamento e funcionamento das escolas infantís municipais con vistas á ampliación do horario de atención educativa gratuíta para as familias.
Hoxe autorizouse o investimento que supón a modificación dos contratos para a prestación do servizo nas instalacións das EIM de Agra do Orzán, O Castrillón, Os Cativos, Os Rosales, Mesoiro-Caracola, Arela, Luis Seoane e Monte Alto. A modificación do contrato supón un incremento do mesmo en 309.057 euros anuais.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey incrementa as prestacións e servizo das escolas que conforman a rede, pasando de seis a oito horas gratuítas. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, lembrou hoxe que “o Goberno de Inés Rey foi pioneiro en Galicia na implantación da gratuidade nas escolas infantís municipais”, facilitando o acceso de balde ao ensino ás crianzas de ata tres anos de idade.
A Ordenanza reguladora da administración dixital no Concello
Hoxe deuse luz verde ao proxecto da Ordenanza reguladora da administración dixital do Concello da Coruña, unha iniciativa orientada a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas e privadas desde a Administración municipal. “É necesario adaptar a nosa ordenanza e a nosa organización aos novos tempos, mellorando os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás institucións públicas”, apuntou hoxe o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.
Por exemplo, a ordenanza abrangue a implantación dunha rede de apoio á administración dixital, que plantexa dous tipos de oficinas de atención presencial: unha, de atención cidadá, que asuma as funcións das oficinas de asistencia en materia de rexistro, co obxectivo de axudar a todas aquelas persoas que precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e o uso da firma electrónica, entre outros aspectos; e, ademais, puntos especializados de apoio para a realización de trámites en determinadas materias, como no caso das actuacións e xestións urbanísticas.
Por outra banda, a creación do arquivo dixital único suporá o almacenamento por medios electrónicos, un proceso seguro e confidencial, dos documentos administrativos que se xeren en procesos desta tipoloxía, así como a correcta xestión e conservación dos mesmos a longo prazo.
Neste sentido, a sede electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello implantaranse e entrarán en funcionamento nun prazo non superior a dous anos.
Por outra banda, na XGL aprobouse tamén o proxecto de mellora da seguridade na contorna do CEIP Salgado Torres e a reurbanización da praza Pintor Laxeiro, no barrio de Elviña.
O proxecto abrangue diversas intervencións orientadas á renovación dos pavimentos, a reorganización das áreas de beirarrúa, calzada e estacionamento, a instalación dunha nova área de xogos infantís, a mellora da rede de pluviais, a optimización da rede de alumeado público para gañar en eficiencia enerxética, e a mellora estética xeral da praza Pintor Laxeiro.
O proxecto de Pintor Laxeiro, cun orzamento de 406.284 euros, é un dos que optan a financiamento na segunda edición dos Next Generation.