Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que hoxe fica para sempre nas rúas da Coruña”


A alcaldesa presidiu o acto para renderlle homenaxe a Pedro Brandariz no seu cabodano na renovada praza do Humor, acompañada pola familia e compañeiros do cómico

A silueta de Brandariz forma parte das trece novas figuras creadas por Siro López e que forman parte do redeseño do espazo

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto de homenaxe do Concello da Coruña a Pedro Brandariz, que tivo lugar na renovada praza do Humor con motivo do seu cabodano, a carón da silueta do cómico incluída na praza. “Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que hoxe fica para sempre nas rúas da Coruña” sinalou a alcaldesa.

A rexedora dedicoulle unhas palabras ao cómico e humorista coruñés, ao que tamén recordaron Siro López, artista e deseñador da praza do Humor, e Víctor Grande, compañeiro de profesión de Pedro Brandariz, que falou en representación do sector, e familia e amigos do humorista. Grande lembrou varias anécdotas humorísticas de Brandariz e sinalou que “todas as homenaxes que lle levamos feitas ao longo deste ano non son suficientes para recordar a Pedro”.

A silueta de Pedro Brandariz é unhas das trece figuras incluídas no contexto dos traballos de mellora e restauración do pavimento artístico ‘Viñetas’, creado por Siro López, pintor e escritor. “Alégrome moitísimo de poder lembrar nestes mármores a Pedro Brandariz, a quen seguramente non lle parecería mal morrer como o fixo pois eu tamén quixera morrer cun lapis na man” sinalou Siro López.

Inés Rey rematou agradecéndolle a toda a familia e compañeiros e compañeiras de profesión a súa colaboración no acto, especialmente aos pais do humorista. “Fagamos o humor, tal e como Pedro dicía, e con el fagamos tamén memoria e xustiza á súa figura que, como digo, ficará para sempre en todos nós”, concluíu. Ao remate, a rexedora fíxolle entrega aos pais de Brandariz do debuxo orixinal da silueta incluída na praza, feito polo seu artista, Siro López.

Renovación da praza do Humor

A homenaxe a Pedro Brandariz foi tamén o marco de presentación da renovada praza do Humor, un espazo que consta de 384 metros cadrados e un pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco coñecido como ‘Viñetas’ no que se representa, mediante ilustracións realizadas por gravado, a autores como Mark Twain, Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Molière, actores como Groucho Marx ou Mae West e personaxes como Astérix e Obélix, Charlot, Mafalda e Snoopy. “Na praza do Humor reúnense desde o ano 1990 artistas, escritores e outras figuras clave da cultura que seguramente nunca tería sido posible que compartisen espazo. Mais a Arte está para iso, para facer maxia e traer á vida real o imposible” explicou a alcaldesa.

O redeseño levouno a cabo Siro López, pintor, escritor e autor do primeiro deseño da praza.
“Este é o único recinto europeo destas características e hoxe reinagurámolo coa inclusión dos novos personaxes e quero darlle as grazas ao Concello da Coruña pola súa recuperación 33 anos despois” sinalou Siro López, deseñador da praza.

Ademais da inclusión dos novos personaxes, o Goberno de Inés Rey levou a cabo unha mellora nos diversos elementos patrimoniais da contorna coa recuperación da figura do Gatipedro, sometida a unha limpeza integral; así como a restauración dos bancos-esculturas de Castelao e Cunqueiro e o busto de Vicente Risco así como nas lousas do firme marmóreo, que serán recuperadas.