O trío de cantareiras dará unha charla sobre a educación fronte aos retos da muller no mundo da música
O coloquio será de balde ata completar capacidade no salón de actos da Fundación Paideia, ás 19.30 horas
O grupo musical Tanxugueiras protagonizará este xoves, 23 de febreiro, a primeira sesión da terceira edición do foro Pensando en Educación, organizado polo Concello da Coruña a través da súa Concellaría de Educación. Nesta edición diferentes mulleres de referencia nos seus eidos tratarán o tema da educación fronte aos retos femininos.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro conversarán sobre os seus retos como mulleres no mundo da música. A charla estará moderada pola xornalista Loreto Silvoso e terá lugar no salón de actos da Fundación Paideia (praza de María Pita, 17). Todas as sesións serán gratuítas ata completar capacidade.
“Nesta edición o Goberno de Inés Rey quixo renovar por completo o programa e procurar achegalo a máis sectores da cidadanía”, sinala o concelleiro de Educación, Jesús Celemín.
Tanxugueiras é unha das bandas galegas con máis repercusión do momento no territorio nacional. Este trío de cantareiras teñe unha proposta única que mestura a tradición musical galega con novos estilos.
Máis referentes femininos
O terceiro foro Pensando en Educación reunirá a outras voces femininas de gran relevancia nos seus eidos profesionais. Todas as sesións serán no mesmo horario e localización ca de mañá. O 30 de marzo será a quenda da coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica, mundial e europea de Vela e xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, e da defensa central do Deportivo Abanca, Raquel García. Falarán da educación fronte aos retos da muller no deporte.
A terceira e derradeira das sesións estará protagonizada por Isabel Blanco, comunicadora, actriz e produtora de formatos para televisión, documentais e pequenas ficcións e Mariana Carballal, docente, directora de cine, teatro, televisión e activista pola igualdade de xénero na cultura. Nesta ocasión as protagonistas falarán dos retos femininos no mundo do teatro, o cine e a interpretación