Friday 22 de November de 2024

Continúa o ciclo de conferencias do programa municipal “A saúde mental é cousa de todos e todas”


O ciclo de conferencias “A saúde mental é cousa de todos e todas” continuará o vindeiro sábado, ás 11.00 horas, no salón de actos do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O licenciado en INEF, fisioterapeuta e director da clínica MASSALUD, Camilo Rivas, e o licenciado en CAFYDE e especialista en actividade física terapéutica, Jorge Cabana, serán os encargados da charla “Inflúe o que me movo na miña saúde mental?”

O Concello organizou este programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental, no que se enmarca esta convocatoria e na que, cada mes, se programan outras, abertas á participación da cidadanía en xeral, e que rematarán no mes de xuño.

Así mesmo, as persoas que teñan algún tipo de doenza relacionada coa saúde mental e queiran participar como voluntarias ou voluntarios poderán facelo a través do programa para compartir a súa experiencia participando en varios encontros para recoller información e compartila. As persoas interesadas poden remitir un correo electrónico á dirección: info@paula-paz.com.