Organizada pola Asociación Filigrana, celebrarase o sábado 25 de febreiro
Máis de 400 palilleiras tomarán parte na 17ª Xuntanzade Neda que organiza a Asociación Filigrana co apoio do Concello. Tras pechar o plazo de inscrición, a entidade valora moi positivamente a acollida das artesás, superando con creces as súas expectativas, especialmente tendo en conta que a cita non se celebra dende 2020 a raíz da pandemia. Recupérase así con forza o certame, coa confianza de que tamén o público responda e acuda este sábado 25 de febreiro ao pavillón municipal San Isidro.
Segundo avanza Filigrana, confirmaron a súa asistencia palilleiras de todos os puntos de Galicia, con presenza destacada de grupos de Burela, Vilanova de Arousa ou Vigo, entre outros. Será deste xeito unha xuntanza para coñecer o traballo artesanal que desenvolven e tamén un escaparate do noso municipio.
A «Xuntanza de Palilleiras de Neda. Presente, pasado e futuro do encaixe», que alcanzará neste 2023 a súa 17ª edición, arrancará ás 11:00 horas co acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde, Ángel Alvariño. A partir de aí, o público poderá achegarse ao labor das palilleiras, e coñecer as diferentes técnicas, ata as 13:30 horas, e tras un parón para o xantar, a xuntanza retomarase ás 16:00 horas, ata as 18:00 h.