A Pobra do Caramiñal viviu un frenético Martes de Entroido co gallo do desfile que se recuperou trala paréntese ocasionada pola pandemia. Pouco despois das 17.30 horas, a comitiva festiva partiu das inmediacións da estación de autobuses para percorrer o núcleo da vila e luci-la creatividade que despois resultaría enxalzada no concurso dirixido a maiores de 13 anos. Conducido polo humorista Fran Campos, o certame desenvolveuse fronte a E.E.I. Fernández Varela, onde o xurado emitiu o seu veredicto despois de avaliar o transcurso de todo o itinerario, vestiario, maquillaxe ou a posta en escena, entre outros aspectos. Deseguido, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto co seu homólogo da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), fixeron entrega dos galardóns.
Na categoría parellas/individuais, o primeiro premio, dotado con 200 euros, foi parar a Vixiantes de Jurassic Park; o segundo a Pesadilla antes de Carnaval (150 euros); o terceiro a María e a súa galiña (125 euros); e o cuarto a Soldado Resident Evil (100 euros). Doutra banda, na modalidade grupal, Circus siderum acadou a primeira posición, cunha contía asignada de 400 euros; Flocos de millo, a segunda (300 euros); Entroido GP, a terceira (200 euros); e Silent Hill, a cuarta (150 euros). E tamén houbo recompensa para as carrozas: Fantasía do Carnaval co primeiro posto (700 euros); Fondo mariño do Areal, o segundo (400 euros); Grease. Volvemos por ti, o terceiro (200 euros); e A Granxa, o cuarto (100 euros). A maiores, as carrozas percibirán cadansúa gratificación de 200 euros por asistir para axudarlle así a sufraga-los gastos de confección.
Aproveitouse a ocasión para outorgar as recompensas aos disfraces gañadores da festa infantil do 19 de febreiro. A primeira distinción recaeu en Fantasía do Circo (200 euros); a segunda en Fantasía do Oeste (150 euros); a terceira en Play Maño (125 euros); a cuarta en As lechuzas (100 euros); e a quinta en As indomables (75 euros).
Repartíronse así un total de 5 075 euros entre os dous certames e as gratificacións ás carrozas.
Contouse tamén coa participación das comparsas As Sonecas, Cor Café e Os da Caña.
Tras varios días de festa, o Entroido pobrense despedirase ata o vindeiro ano co enterro do Felipiño do Maño no 25 de febreiro, con saída programada para as 19.00 horas dende o campo do Maño.