Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Santiago recibe a nova presidenta da Cámara de Comercio, María Pais


Xosé Sánchez Bugallo mantivo un encontro esta mañá no Pazo de Raxoi coa nova presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, no que trataron temas de interese para as empresas locais como a axilización da xestión de licenzas, o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas, a continua mellora dos servizos públicos da cidade ou a implantación de novas empresas.

Nesta primeira toma de contacto entre a recén nomeada María Pais e o rexedor, fíxose un repaso por algúns dos temas prioritarios para reforzar o tecido empresarial da cidade. Durante o encontro, o alcalde reiterou o seu compromiso para acadar unha simplificación administrativa na xestión de licenzas e outros trámites e para seguir avanzando na mellora de infraestruturas estratéxicas como o Orbitaliño ou a Estación Intermodal e dos servizos públicos como a xestión da auga ou o transporte público.

Ademais, o alcalde recordou que a creación do polígono da Sionlla supuxo un incremento “drástico” do número de novas empresas aínda que “en 2 ou 3 anos, ao sumo 4, haberá que pensar nunha ampliación ou a construción de novos polígonos”.

O rexedor destacou a relación “fluída, cordial e de gran cooperación” do Concello tanto coa Cámara de Comercio como co tecido empresarial de Santiago e anunciou que a Xunta de Goberno vén de aprobar a concesión dunha axuda nominativa á Cámara por un importe de 75.000 euros.