A praia da Corna será obxecto dunha acción medioambiental ao abeiro da campaña pobrense de voluntariado Agora é o momento!. A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, indican que no 12 de marzo se procederá coa retirada de lixo no referido areal, en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Os elementos por retirar serán aqueles nocivos para o ecosistema: plástico, metal ou vidro. A retirada efectuarase de maneira manual con material proporcionado polo Concello e contarase coa colaboración da Protección Civil no transcurso da actividade.
A edil incide na relevancia deste tipo de iniciativas que buscan concienciar sobre a preservación das contornas naturais e implica-la cidadanía no coidado destas.
Requírese a inscrición previa obrigatoria antes do día 3 de marzo a través do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com para a formalización do trámite.