Friday 22 de November de 2024

A poda e o enxerto de árbores froiteiras centran a nova oferta formativa medioambiental da Pobra


Dada a boa acollida das dúas edicións previas do curso de poda de árbores froiteiras, o Concello da Pobra do Caramiñal aposta novamente por esta acción para este ano. Trátase dunha oferta formativa de balde que se amplía co curso de enxerto, segundo presentan a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Beatriz González.

O curso de poda desenvolverase nos meses de marzo, maio e agosto a cargo da labrega e formadora Carme Freire Cruces. Comezará cunha clase teórica no 11 de marzo, dende as 10.00 ata as 14.00 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. Xa pola tarde, en horario de 16.00 a 20.00 horas, tocará levar ao terreo os coñecementos adquiridos coa poda en seco de froiteiras de óso e de pebida. A práctica proseguirá no 5 de maio coa poda en verde para concluír no 31 de agosto coa poda de cerdeiras.

No que respecta ao curso de enxerto, impartirase no 10 de marzo e no 1 de setembro, de 16.00 a 20.00 horas, en parcelas.

En ámbolos casos ofértanse 15 prazas, que se cubrirán por orde de entrada. Cómpre formaliza-la inscrición de maneira telemática en medioambiente@apobra.gal ou presencialmente no Departamento do Medio Ambiente.