O próximo luns abre o prazo para inscribirse na acción
Santa Uxía de Riveira, 23 de outubro de 2015.- Os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Riveira levarán a cabo nos próximos días a segunda edición do Obradoiro de Acreditación do Esforzo de Integración dirixido á poboación inmigrante, dado a elevada demanda que tivo a primeira edición, realizada hai un ano.
Trátase dunha actividade formativa de carácter gratuíto, que inclúe aqueles contidos que están establecidos legalmente para que unha persoa inmigrante poida acreditar o esforzo realizado para a súa integración na sociedade de acollida, e que, unha vez recollidos nun informe de esforzo de integración, dito informe pode ser alegado pola persoa estranxeira en caso de non acreditar o cumprimento dalgún requisito previsto para a renovación dun permiso de residencia temporal, para ser tido en conta como información a valorar pola oficina de estranxeiría correspondente.
Os contidos abranguen as seguintes materias:
1. Dereitos humanos.
2. A Unión Europea e a cidadanía.
3. O estado español: valores constitucionais.
4. A comunidade autónoma galega: valores estatutarios.
5. Igualdade de xénero.
6. Trámites administrativos de estranxeiría.
Para participar nesta actividade formativa é preciso que as persoas solicitantes teñan un nivel suficiente de español para seguir as clases.
O Obradoiro ten 40 horas de duración, distribuídas en 10 días, dando comezo, o 3 de novembro. O prazo para a inscrición de participantes ábrese o luns 26 de outubro ás 9.00 horas nas oficinas de Servizos Sociais de Riveira (Praza Oito de Marzo, s/n – edificio Mirador de Padín). As persoas solicitantes serán admitidas por orde de inscrición ata esgotar prazas, tendo prioridade aquelas persoas que quedaron en lista de agarda o ano pasado.
Esta actividade formativa está subvencionada pola Consellería de Política Social (Dirección Xeral de Familia e Inclusión) e o Fondo Social Europeo 2007/2013 e impartirase nas aulas do Departamento de Servizos Sociais Comunitarios por persoal técnico do Centro de Formación de Cruz Vermella en A Coruña.
O Concello de Riveira ven atendendo de forma especializada á poboación inmigrante desde o ano 2003, a través de distintos programas e servizos, que evolucionaron cara a creación do actual Programa de Acollida e Integración de Inmigrantes e Retornados, desde o que se leva a cabo un asesoramento especializado en trámites de estranxeiría, se organizan actividades formativas e outras. O Concello de Riveira conta desde o ano 2012 cun Plan Local de Integración da Poboación Inmigrante.