Friday 22 de November de 2024

Repartidos case 3.000 preservativos dentro da campaña de educación sexual do Concello de Carballo


O equipo de matronas do centro de saúde distribúe entre as súas usuarias o kit que inclúe folleto, preservativo e toalliña hixiénica

Dentro da campaña de educación sexual promovida polo Concello de Carballo lévanse repartidos no último ano case 3.000 preservativos. A iniciativa impulsada polas concellarías de Igualdade, Mocidade e Educación comezou nas aulas, cunha enquisa ao alumnado dos institutos que permitiu detectar, entre outras, importantes carencias do alumnado a nivel informativo. Por iso, a nosa intención é seguir desenvolvendo nos vindeiros meses campañas divulgativas en colaboración cos centros educativos pero tamén doutros colectivos.

Nese sentido, grazas á coordinación que mantemos dende o primeiro momento co equipo de matronas do centro de saúde, o material informativo e de protección elaborado polo Concello é distribuído entre as usuarias do servizo sanitario. A iniciativa partiu no seu momento das propias matronas, que non só consideran moi necesario achegar información profesional á mocidade, senón que tamén valoraron de xeito moi positivo os contidos e os obxectivos da campaña. Pola nosa banda, dende as concellarías de Mocidade, Sanidade e Educación queremos expresar o noso agradecemento e ofrecernos a ampliar esa colaboración co obxectivo de abordar do mellor xeito posible os problemas que afectan aos mozos e mozas na súa relación co sexo.

No último ano, a campaña de educación sexual saíu á rúa en diversas ocasións. Coincidindo coa celebración do Día do Amor ou das festas de San Xoán, o Concello de Carballo instalou nas zonas de maior afluencia da mocidade un posto informativo atendido por profesionais con formación específica en igualdade e violencia de xénero, que puideron resolver as dúbidas dos mozos e mozas. Ao mesmo tempo, co lema “Necesitas motivos para usar condón?” realizouse tamén a pé de rúa un reparto de paquetiños compostos por un preservativo, unha toalliña de hixiene íntima e un pequeno folleto no que se explican as vantaxes deste método de prevención das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados.

Coincidindo co Día da Sida, o pasado 1 de decembro realizamos unha campaña similar nos centros de educación secundaria en colaboración coa Cruz Vermella. Segundo a ONG Save the children, o 46,1% de adolescentes non usa sempre métodos de protección, e o 13,7% non o fai nunca ou case nunca. Nos últimos tempos, de feito, tense detectado un preocupante incremento das enfermidades de transmisión sexual entre a mocidade.