Oroso, Ordes e Tordoia foron os primeiros en participar desta iniciativa de sensibilización e prevención de violencia de xénero a través das TIC, que se desenvolverá ata decembro nos centros académicos e nas aulas de informática
O CIM da Mancomunidade de Ordes iniciou esta semana o programa ‘Comparte: fai que a vexan’. Trátase dun proxecto de sensibilización e concienciación dirixido tanto á poboación adolescente como ás súas familias. Como eixe central está o compromiso e a importancia que se ten no correcto uso das TIC, así como na detección precoz da violencia de xénero. Unha iniciativa que conta coa subvención da Deputación da Coruña e que se desenvolverá nos centros académicos e aulas de informática dos sete concellos da comarca ata o vindeiro mes de decembro, sendo os primeiros os de Ordes, Tordoia e Oroso.
No seu conxunto serán máis de 60 sesións presenciais co alumnado de ESO e bacharelato, nas que se analizarán determinados aspectos do uso das TIC coa poboación adolescente. Tamén están previstos obradoiros de sensibilización de cara á detección da violencia de xénero coas familias, os cales terán dúas horas de actividades formativas baseadas na súa importancia e no papel relevante no uso responsable das TIC. Por último, coa información obtida nas distintas actividades elaborarase un informe final no que poder plasmar un estudo-diagnóstico sobre o uso das TIC, sexismo e violencia de xénero no ámbito territorial da comarca de Ordes.
Un aspecto fundamental para os participantes desta iniciativa serán as redes sociais. A día de hoxe xa se contan con páxinas tanto en Facebook como en Twitter son ( https://www.facebook.com/comparte.faiqueavexan, https://twitter.com/ProgramComparte). A través delas os internautas poderán ir vendo diariamente as mensaxes que os propios participantes de ‘Comparte: fai que a vexan’ van colgando en base aos temas e aspectos abordados.