Saturday 16 de November de 2024

O Festival de Entroido de Lousame reuniu a preto de 750 persoas na tarde do domingo


Os asistentes desfrutaron de música en directo, inchables, obradoiros, xogos, inchables para diferentes idades e degustación de chocolate con churros, orellas e filloas

Preto de 750 persoas participaron no Festival de Entroido do Concello de Lousame, que tivo lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Unha afluencia escalonada e ao longo das máis de catro horas de festa, polo que as persoas asistentes puideron desfrutar das distintas actividades programadas polo Concello de Lousame.

A festa comezou ás 16:30 coa actuación en directo dos cantantes das orquestras máis recoñecidas de Galicia: Óliver Escobar, da París de Noia; Néstor Peña, da Olimpus; e Diego Moreira, da Panorama, que fixeron as delicias, especialmente, do numeroso grupo de Amicos, que un ano máis participou na festa.

Paralelamente, o Festival de Entroido de Lousame ofreceu xogos e obradoiros de Entroido, así como varios inchables para nenos e nenas. Desta vez, a novidade foi a inclusión duns inchables dirixidos aos máis pequenos, tal e como solicitaran algunhas familias na pasada festa de Reis. Segundo foi avanzando a tarde, todos foron recuperando forzas grazas á degustación gratuíta de orellas e filloas, elaboradas por veciñas de Lousame, así como do chocolate con churros de Churrería Rafa.