Friday 22 de November de 2024

A rúa da Torre e o Campo da Leña acollen mañá os festexos do Martes de Entroido, con concursos de disfraces e concertos ao aire libre


A xornada ábrese co partido de fútbol feminino entre o Relámpago de Elviña e o Eirís, que terá lugar no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso e recupera esta tradición iniciada nos anos sesenta

Ademais, este ano homenaxearase a Romualdo Irijoa, fundador da comparsas Os Maracos, que pasará a integrar o Andar do Entroido situado na rúa da Torre

Os festexos do Martes de Entroido comezarán mañá ás 12.00 horas co partido de fútbol feminino entre o relámpago de Elviña e o Club Eirís Sociedad Deportiva que terá lugar no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso. Con esta iniciativa a cidade remontarase atrás no tempo para lembrar o encontro de fútbol feminino que se disputou o 14 de febreiro de 1961 no antigo campo do Relámpago, onde se enfrontaron diversos equipos femininos, de mulleres casadas e solteiras, nun contexto festivo.

As homenaxes do Martes do Entroido

Tamén no Martes do Entroido, o Concello lembrará os principais persoeiros e impulsores do Entroido coruñés. Desde o mediodía, comezará unha rolda de homenaxes e ofrendas florais a figuras como Fernando Amaro ‘Cantero’ (12.00 horas, na rúa Arenal), Canzobre (12.30 horas, na praza do Parque), ‘Merceditas’, que recibe neste Entroido a placa como Choqueira do Ano (13.30 horas, na rúa San Xosé) e Palau (ás 14.00 horas, na praza Juan Iglesias Mato).

Ademais, este ano, homenaxearase a Romualdo Irijoa, fundador da comparsa Os Maracos.
A figura de Irijoa integrarase, desde mañá, no Andar do Entroido da rúa da Torre, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno de Inés Rey en 2022, como un paseo da fama á coruñesa, co obxectivo de lles render homenaxe aos persoeiros máis relevantes e queridos desta festividade na cidade. O acto de homenaxe a Romualdo Irijoa terá lugar na rúa da Torre, o día 21 (14.30 horas).

Será na previa do concurso infantil de disfraces (17.00 horas) e o concurso infantil de choqueiros e choqueiras (17.00 horas), que terán lugar no Campo da Leña e estarán amenizados coa actuación de Los Mecánicos. A inscrición abrirase dende unha hora antes de cada concurso, tamén no Campo da Leña.

Xa ás 20.00 horas, na confluencia da rúa da Torre con Curros Enríquez, comezará o concurso de choqueiros e choqueiras, tanto o individual como o grupal. A inscrición poderá realizarse no acceso principal á Escola Municipal de Música de 19.00 a 20.00 horas. A Always Drinking Marching Band amenizará o concurso desde as 20.00 horas.

Por outra banda, e xa ás 22.00 horas, o Circo de Artesáns abrirá as súas portas á última quenda das proxeccións do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, unha peza audiovisual dirixida polo coruñés Omar Rabuñal Varela. A produción do documental foi apoiada polo Concello da Coruña a través da liña de axudas a creadores locais dos fondos Presco.

Así será o dispositivo especial de Tráfico polo Martes de Entroido

Con motivo dos festexos previstos mañá na contorna do Campo da Leña e a rúa da Torre, as alteracións e cortes de tráfico nas rúas lindeiras comezarán a partir das 15.30 horas.

Afectarán á rúa da Torre (cortada desde a avenida de Hércules ata a praza de España), Miguel Servet, San Vicente de Paul, Curros Enríquez (en dirección á rúa da Torre desde a sede da Cruz Vermella), Marconi, Travesía da Torre, San Xosé, San Xoán, Panadeiras (acceso desde a praza de España) e Baltasar Pardal Vidal.

O dispositivo especial de Tráfico finalizará ás 00.00 horas, á conclusión dos festexos.