Friday 22 de November de 2024

Gran participación veciñal no Entroido e Atranques dos Xenerais de Sergude


O Entroido de Sergude está de volta e coa mesma forza que antes da pandemia sanitaria. Despois dun 2021 a través de redes sociais e dun 2022 nos que a celebración tivo lugar coas correspondentes restricións sanitarias, este ano a festa volveu con toda a forza de edicións anteriores e ata con maior participación veciñal, que ateigou o campo da festa dende primeiras horas da tarde de onte domingo.

O tempo acompañou e a festa deu comezo ás 11:00 horas cos Correos, Xenerais e Comparsas percorrendo todas as localidades da parroquia de Sergude cos seus cantos de taberna e acompañados polo grupo local “Son de gaita”. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, o campo da festa de Sergude foise enchendo de xente con moitas gañas de pasalo ben e desfrutar dunha tarde de Entroido e dos tradicionais Atranques dos Xenerais.

Antes dos atranques, as distintas comparsas de Entroido fixeron a súa entrada no campo da festa. Os Xenerais saíron a escena preto das nove da noite, precedidos por unha actuación de rapaces e rapazas da parroquia que amosaron que o relevo está garantido. Tras a entrada dos Correos, as persoas asistentes desfrutaron dos atranques dos Xenerais da Ulla, co emprego e as próximas eleccións como temas estrela deste ano. O Dúo Óbice puxo a música ao gran baile final, con degustación gratuíta de chocolate con churros e sorteo dun lote de produtos de Entroido.

A festa estivo organizada pola Asociación de Festexos de Sergude, en colaboración co Concello de Boqueixón.