Friday 22 de November de 2024

Estreo exitoso da Festa da Filloiña e do Entroido da Filloa de Lestedo, que reúnen a milleiros de persoas da comarca


A Festa da Filloíña e o Entroido da Filloa de Lestedo, dúas actividades incluídas na programación da XL Festa da Filloa de Lestedo, non puideron ter mellor estrea. Milleiros de persoas ateigaron o campo da festa desta parroquia de Boqueixón dende primeiras horas da noite ata ben entrada a madrugada.

A música dos grupos infantís Lucerniñas, Luceiro e Luarada (os tres pertencentes á Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio), As Travesas de Codeso e Os Campiños de Sarandón deu paso ao pregón infantil, seguido duns divertidos atranques de xeneraliños. “A nosa intención con esta festa é contribuír a manter a tradición dunha das nosas festas máis tradicionais como son Os Xenerais da Ulla”, explica José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa, “e vendo o resultado podemos dicir que temos unha boa canteira”.

Rematados os atranques, a rapazada que viña disfrazada e a que actuou a primeira hora desfrutaron dunha merenda de balde a base de filloa, no que foi a estrea oficial da máquina filloeira adquirida pola Asociación Cultural da Filloa en colaboración coa Deputación da Coruña. Unha máquina que estivo facendo filloas toda a tarde/noite, a razón de 800 pezas á hora.

Concurso de disfraces

Tras repoñer forzas tivo lugar o Concurso de Disfraces Infantil, no que se rexistraron unha vintena de participantes de toda a contorna. De feito, só o segundo premio de grupos quedou en Lestedo: Luceiros de Lestedo foi premiado polo disfrace “Señoras da Vila”, no que participaron 16 nenos e nenas. O primeiro premio de grupos foi para a divertida “Montaña rusa”, de Filloa Coaster (Touro). Os premios infantís viaxaron a Teo: o primeiro a Cacheiras (“Soñando coa batuta”) e o segundo a Luou (“Botafumeiro”). Tres actuacións das nenas do Club Squadra Boqueixón Rítmica deron paso a Priscila Dance, que puxo a bailar a nenos e maiores coas súas divertidas coreografías.

Pola noite, o Entroido da Filloa arrincou coas actuacións da orquestra Finisterre e do grupo Origen, que encheron o campo da festa de Lestedo. Tras unha parada para o concurso de disfraces para persoas adultas, continuaron coa festa ata ben entrada a madrugada. Tanto a Festa da Filloíña como o Entroido da Filloa son dúas actividades paralelas á XL Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar o vindeiro domingo 26 de febreiro.