Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o concello de Boimorto reforzan a súa colaboración para mellorar as infraestructuras rurais deste munipio


O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro coa alcaldesa desta localidade coruñesa, María Jesús Novo

A mellora das infraestruturas rurais do municipio de Boimorto centrou a reunión mantida polo conselleiro do Medio Rural, José González -acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé-, coa alcaldesa desta localidade coruñesa, María Jesús Novo.

Neste encontro, que serviu para avaliar as demandas e necesidades de Boimorto en relación co agro, avanzouse nos traballos conxuntos entre Concello e Consellería para mellorar as súas infraestruturas rurais, especialmente no que atinxe ás vías de comunicación.

O obxectivo é facilitar o movemento de persoas e mercadorías, así como dar saída aos produtos do agro, nun territorio de clara vocación agropecuaria como é Boimorto, en particular no que atinxe ao sector gandeiro, xa que conta con máis de 180 explotacións, sumando as de leite e de carne, e está entre os primeiros 36 concellos galegos en produción leiteira.

Na xuntanza tamén se puxo en valor a próxima celebración en Boimorto, os días 25 e 26 de marzo, da feira de maquinaria agrícola, forestal e de produtos ecolóxicos Magreco, que inclúe poxas de gando e exposicións, tanto de aparellos como de producións ecolóxicas da nosa comunidade.