Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Culleredo reclama a recuperación das instalacións da Garrocha


– É precisa unha resolución correcta do expediente de liquidación para a recuperación e posta a disposición á veciñanza das instalación.

– As accións para recuperar a concesión iniciáronse no 2012, co BNG no Goberno Municipal, e até 2018 non se retomaron, outra vez por iniciativa do BNG.

– O BNG recurrirá a non inclusión de todas as cantidades adebedadas na proposta de liquidación aprobada polo Goberno Municipal.

– As instalacións, debidamente recuperadas e xestionadas, poden convertirse nun referente comarcal que revitalice e dinamice o rural de Culleredo.

O BNG de Culleredo demanda do Goberno do Sr. Rioboo a resolución correcta do expediente de liquidación da Garrocha, para a súa recuperación e posta a disposición dos intereses da veciñanza de Culleredo.

Hai que ter en conta que, ademais do millón de euros polo deterioro das instalacións, e dos 300.000€ por impagos, debe reclamárselle á concesionaria outros 700.000€ por investimentos e melloras non realizadas, e o 3% dos beneficios anuais que non abonou, polo que a cantidade reclamada debería chegar aos 2 millóns de euros. O BNG recurrirá contra a non inclusión destas cantidades na proposta de liquidación aprobada polo Goberno Municipal.

As accións para recuperar a concesión iniciáronse no 2012, co BNG no Goberno Municipal, cando a débeda da concesionaria ascendía a 120.000€. Houbo que agardar ao 2018 para que se procedera á resolución do contrato por incumprimentos da concesionaria, a iniciativa novamente do BNG, neste caso dende a oposición.

Culleredo precisa recuperar definitivamente esas instalacións para poñelas ao dispor da veciñanza. Lembremos que as instalacións dispoñen de dúas naves destinadas a picadeiros, tiñan pistas de tenis, piscina, e espazos destinados a cociña e comedor, entre outros.

O BNG comprométese coa súa recuperación e posta a disposición da veciñanza. Para o voceiro nacionalista e candidato á alcaldía, Tono Chouciño, “trátase dunhas instalacións que poden ser unha referencia a nivel municipal e comarcal, fundamentais para revitalizar e dinamizar a zona rural do noso Concello unha vez rescatadas do abandono actual”.