Friday 22 de November de 2024

A Xunta reforza desde o día 23 os servizos de autobús de Fisterra e Camariñas para atender aos alumnos de Muxía que estudan Bacharelatao e FP en Cee


― Na liña que vai de Fisterra a Camariñas habilítase un servizo ás 14,15 horas para a saída do mediodía e créase unha nova expedición de volta os luns pola tarde ás 18,15 horas

― Aténdese a petición municipal e das familias dos alumnos de ensinanzas non obrigatorias, ofrecendo servizos que saian de Cee en horarios próximos ao remate das clases nos institutos

A Xunta reforzará desde o próximo xoves, día 23 de febreiro, os servizos de autobús entre Fisterra e Camariñas para facilitar, principalmente, os desprazamentos dos alumnos de Muxía que estudan bacharelato e FP nos institutos IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, en Cee.

Na liña entre Fisterra e Camariñas, na que os estudantes de Muxía contaban xa cun servizo á primeira hora da mañá que lles permite chegar ás clases nos institutos de Cee, habilítanse dous servizos de volta para o regreso ao remate das xornadas lectivas da mañá e da tarde.

Así, á saída do mediodía contarán cun autobús que partirá desde Fisterra ás 14,15 horas e terá parada en Cee ás 14,30 horas, continuando cara a Muxía e Camariñas. Ademais, o luns pola tarde créase unha nova expedición con saída ás 18,15 horas de Fisterra que pasará por Cee ás 18,30 horas.

Con estas melloras no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións trasladadas polas familias do alumnado de ensinanzas non obrigatorias que estuda en Cee e polo Concello, ofrecendo servizos de volta en horarios próximos ao remate das clases.

Nestes servizos, como en todo o transporte público da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, mentres que o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG). Actualmente, máis de 420 mozos e mozas de Cee e Muxía viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.