Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza unha Andaina Solidaria a favor de Turquía e Siria o domingo 12 de marzo


A actividade xurde a proposta das voluntarias turcas de Lousame (Ezgi Alkaya, Ülkü Kosdas e Ebru Karaca), que lanzan unha mensaxe: “necesitamos apoyo y por eso pedimos hoy ayuda””

Os 5 euros da inscrición ou as achegas voluntarias a través do Dorsal 0 serán doados integramente á Cruz Vermella

O Concello de Lousame, en colaboración coa Cruz Vermella, organiza o domingo 12 de marzo unha andaina solidaria de 12 quilómetros cuxa recadación será entregada integramente a axudar ás persoas afectadas polos recentes terremotos de Turquía e Siria. Unha iniciativa que xurde “a raíz da petición de colaboración por parte das dúas voluntarias europeas que temos este ano en Lousame, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, que nos propuxeron facer algunha iniciativa para axudar no posible ás persoas afectadas por estes terremotos”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade e Servizos Sociais.

Así, fixo un chamamento á participación de toda a veciñanza de Lousame, do Barbanza e de toda a provincia nesta Andaina Solidaria “Lousame camiña en igualdade por Turquía e Siria”. “Tiñamos pensado organizar unha andaina para conmemorar o 8 de marzo e pensamos que sería unha boa ocasión para facer un acto solidario a prol das persoas afectadas polos sismos de Turquía e Siria”, apuntou a concelleira.

Achegas económicas

As inscricións están xa abertas en www.bandoticket.com e a doazón é de 5 euros por anotación, sen límites de inscricións. A maiores, tamén hai dispoñible un Dorsal 0 para aquelas persoas que non poidan achegarse a participar pero que desexen axudar nesta iniciativa solidaria. Todos os cartos recollidos serán entregados á Cruz Vermella, hoxe representada en Lousame por María Belsol, coordinadora de Proxectos da Cruz Vermella.

María Belsol agradeceu ao Concello de Lousame “que nos escollera para facer chegar esta aportación económica para auxilio de Turquía e Siria” e lembrou as diferentes canles de colaboración que ten aberta a Cruz Vermella: Bizum ao 33512, doazón de 3 euros enviando SMS coa palabra “Terremoto” ao 38088 ou a través de www.cruzroja.es.

Petición de axuda

Ezgi Alkaya, voluntaria turca que se atopa este ano en Lousame a través do programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps, tomou a palabra para dar lectura a unha carta na que concluíu que “estoy viva y quiero aprovechar para hacer llegar este mensaje: necesitamos apoyo y por eso quiero hoy pedir ayuda”. Ezgi acaba de volver a Lousame despois de pasar uns días en Madrid colaborando no envío de material ao seu país xa que a súa vila natal é unha das máis afectadas polos terremotos.

“Mi ciudad, Hatay, es uno de los asentamientos más antiguos de Turquía, Tiene una historia profunda y una cocina única. Es cosmopolita, no hay discriminación en su cultura. Es una ciudad donde todos se conocen como amigos, tiene un carácter único, huele a flores de narajan, tiene mucho sol y abraza a la gente”, lembrou Ezgi Alkaya, quen continuou dicindo que “se dice que esta ciudad ya no existe. Como se imaginarán, no es fácil para mí darla por perdida. Creo en una foto que vi en internet que dice: Hatay, volveremos en la pared de una casa destruída por el terremoto y eso es lo que deseo para todas las ciudades”. De feito, unha desas vivendas afectadas polo terremoto é a da súa familia en Turquía.

Neste sentido, recordou que “el apoyo social es muy importante. La educación de los niños y los derechos de las personas están en riesgo”, facendo fincapé en que “incluso las necesidades básicas de las personas afectadas todavía no están satisfechas. Hay problemas de higiene y amenaza de epidemias en la región”.

Un chamamento de axuda ao que se uniu a súa compatriota Ebru Karaca, voluntaria en Lousame no 2021 e que quedou a vivir en Santiago de Compostela. “Fui voluntaria 8 meses hace dos años en Lousame y todavía vivo con vosotros porque conocí a gente maravillosa aquí. Después de esta tragedia quiero daros las gracias por todo el apoyo que estamos recibiendo”. A terceira voluntaria turca, Ülkü Kosdas, non puido asistir á presentación desta mañá por motivos de saúde, pero tamén é promotora da iniciativa.

Andaina aberta a todo o mundo

Pola súa banda, os técnicos de Deportes e de Voluntariado de Lousame, Germán Romero e José Manuel Outeiral, fixeron un chamamento á participación na Andaina. “Son 12 quilómetros dunha ruta circular, por unhas fermosas paisaxes fluviais que parte dos muíños de Brandia. Ademais de ser un camiño chan e accesible a todo o mundo, ten a peculiaridade de que cada 2 quilómetros hai a posibilidade de deixar a andaina e volver ao punto de partida con moita facilidade”, explicou Germán Romero.

A saída terá lugar ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame e a andaina durará unhas 2 horas, dependendo do estado físico das persoas participantes. Neste sentido, un completo equipo de voluntarios do Concello de Lousame e de Cruz Vermella de Noia acompañarán ás persoas participantes para que cadaquén poida facer a andaina ao seu ritmo.

Pola súa banda, José Manuel Outeiral puxo en valor o traballo realizado polas catro voluntarias turcas o ano pasado a través do programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps, e aproveitou para anunciar que este ano o Concello de Lousame volverá contar con dúas voluntarias procedentes deste país.