A páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal estrea deseño co cal mellora-la experiencia de navegación da cidadanía, ofrecer un escaparate máis atractivo do municipio e adecuarse á identidade corporativa municipal no panorama virtual.
No acto de presentación estiveron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); a asesora de comunicación do Concello, Ana Rial; e o director de Esquío, Diego González, empresa encargada do soporte técnico.
Optimízase así a anterior versión que se baseada no formato blog ou revista e o novo portal presenta unha arquitectura da información acorde á natureza dunha administración pública. Para acadar tal obxectivo, realizouse un proceso de diagnose do que se extraeron as carencias a paliar e as fortalezas a potenciar. Os cambios afectan á estrutura e ao contido: gran peso do apartado visual, incremento da información, reorganización e homoxeneidade. Unha serie de modificacións que se traducen nunha experiencia de navegación máis cómoda, agradable e intuitiva para a cidadanía. E tamén mellora o funcionamento do sitio a nivel interno ao posibilitar unha nova distribución do contido.
Agora mesmo está operativa a páxina en galego e, nos vindeiros días, entrará en funcionamento en castelán, pois son dous portais independentes vinculados nun mesmo dominio para evitar os erros propios da utilización dun tradutor online sobre a matriz dun idioma.
Complétase, ademais, a implantación da identidade corporativa municipal nas distintas canles de comunicación do Concello ao aplicar o logotipo, tipografía e cores corporativas.
Todo isto vai estreitamente relacionado ao posicionamento orgánico da web (SEO). O uso de metadatos, etiquetas ou categorías fai que os motores de busca a sitúen nun mellor lugar nos resultados e, polo tanto, máis posibilidades de que se xere tráfico online á mesma. Para iso tamén se procedeu a vencellar novos dominios ao principal que é www.apobra.gal, onde agora a Administración local conta cunha carta de presentación reforzada. Así mesmo, a creación de contido no sitio durante os últimos anos fixo que, hoxe en día, os buscadores ofrezan información e imaxes máis precisas e relevantes da Pobra do Caramiñal.
En definitiva, preséntase un portal dinámico que se irá depurando e actualizando segundo sexa necesario: novas utilidades de instalacións municipais, creación de servizos, transformación de dependencias…
O resultado é unha web completamente renovada, moderna, eficiente e con mellores prestacións.