Saturday 23 de November de 2024

O Concello lembra a Antón de Santiago, referente do Entroido coruñés, coa instalación dunha placa conmemorativa ante a estatua do seu avó, ‘Nito’


A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte no acto de homenaxe, celebrado esta tarde e no que tamén se levou a cabo unha ofrenda floral a ‘Nito’, impulsor dos “apropósitos” de Entroido

O acto de entronización do Deus Momo, no Obelisco, pechou esta xornada de Entroido, amenizada no Cantón Grande pola comparsa Pantaleón

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta tarde ao acto de homenaxe en lembranza de Antón de Santiago, cantante lírico, compositor, docente e un dos principais referentes históricos do Entroido coruñés.

A rexedora puxo en valor o legado de Antón de Santiago, fallecido en xullo de 2022, aos 77 anos, e que desde este venres conta cunha placa conmemorativa ante a estatua do seu avó, Antonio Santiago Álvarez ‘Nito’, impulsor dos apropósitos de Entroido.

Ao acto, celebrado na avenida Pedro Barrié de la Maza, na contorna da Casa do Sol onde está situada precisamente a estatua a ‘Nito’, tamén asistiron familiares dos homenaxeados, así como Roberto Gómez e Paco Vila, integrantes da Compañía de Apropósitos Nito que recuperaron, por uns intres, a historia e percorridos creativos de ‘Nito’ e Antón de Santiago coa lectura de poemas na súa lembranza.

Tras a ofrenda floral a ‘Nito’, descubriuse a placa conmemorativa en homenaxe ao seu neto, recoñecido pola súa defensa da identidade do Entroido coruñés e tamén pola súa aportación ao tecido cultural da cidade. “O traballo artístico de Antón para coa Coruña, desde o eido da escritura, a investigación ou a composición, é imborrable. O que buscamos agora é que o seu nome, o seu percorrido, esté presente onde máis se vive o fervor do Entroido, nas rúas”, explicou Inés Rey.

O acto de entronización do Deus Momo, no Cantón Grande

O ambiente festivo de Entroido continuou tras o acto de homenaxe a Antón de Santiago, cun percorrido ata a contorno do Obelisco, na previa da entronización do Deus Momo, acto ao que tamén asistiu a alcaldesa, Inés Rey.

A comparsa Pantaleón, gañadora do primeiro premio do concurso de comparsas na categoría de música e letra, celebrado no Palexco o pasado sábado, amenizou os festexos desde as 21.00 horas, neste peche da xornada.