Saturday 16 de November de 2024

Entroido en San Sadurniño


Exitoso Entroido desta mañá en San Sadurniño, no que participou o alumnado do CPI, o da EIM A Rolada, as usuarias e usuarios do Centro de Día e máis da residencia Suacasa e unha chea de familias que se achegaron á praza do antigo Concello para celebraren esta primeira parte dunha xornada de troula que continuará no serán.

A rapazada do centro de ensino dedicou os seus disfraces á pintura e de aí que todos os cursos de Infantil e Primaria fosen cos atavíos propios: boina, pinceis, paleta, mandilón para non mancharse… e bigotes revirados coma o de Dalí. En Secundaria a cousa foi algo máis anárquica, con grupos de mozas e mozos vestidos de Pikachu, de obreiros, de vaqueiras, etc.

Mesmo os avós e avoas do Centro de Día foron de máscara rendéndolle homenaxe á música rock dos 80, elas e eles disfrazados de casete, mentres que entre o persoal de atención atopamos algunha Madonna, unha Cindy Lauper, a Bruce Springsteen, etc.

A mañá contou coa animación dos grupos municipais de cantos de taberna, gaita e pandeireta, a quen se uniu unha formación de música tradicional nacida hai pouco no centro de ensino. Tamén houbo chocolate e orellas que non chegaron a nada.

A festa continuará pola tarde, a partir das 20:00h, no mesmo lugar, con premios para os mellores traxes e comparsas. A música poraa a charanga nedesa Os Charangos e serviranse liscos a prezos populares. O Entroido trasládase mañá sábado ao local social da Veiga, en Narahío, onde a asociación veciñal organiza un baile de máscaras con varios sorteos durante a noite que comezará sobre as 22:30h.