Friday 22 de November de 2024

O Concello destinará 520.000 euros á posta a punto da Praza de Abastos


O alcalde presentou esta mañá xunto ao concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, e o xefe do Servizo de Obras, Antonio Ranedo, o proxecto de reparación e mantemento da Praza de Abastos co que se substituirán as marquesiñas, os estores verticais e as portas corredizas das naves. Tamén se renovará a instalación eléctrica da torre e realizaranse actuacións de fontanería para emendar incidencias recorrentes no baño adaptado.

Na rolda de prensa o alcalde salientou que esta reforma “permitirá mellorar a funcionalidade da Praza de Abastos en beneficio dos placeiros e da propia clientela, ademais de facela máis atractiva do que xa é”. Ademais, Gonzalo Muíños explicou que todas as obras levaranse a cabo “en horario de tarde” para garantir o “funcionamento normal da Praza de Abastos”, xa que ademais é o segundo monumento máis visitado da cidade.

As marquesiñas próximas ao murallón e as que se sitúan entre as naves suporán algo máis do 65% do orzamento dispoñible para o total de actuacións de rehabilitación. Case 340 mil euros destinaranse á substitución destas marquesiñas que, ata o de agora, estaban a provocar filtracións de auga na cuberta. A intervención consistirá en incrementar a pendente do plano de vidro, mellorar as anclaxes e substituír o falso teito interior actual por outro de sinxelo mantemento.

No caso específico das marquesiñas que se sitúan entre as naves, optarase por unha fórmula que respecte a volumetría das naves permitindo recuperar a visión da torre central.

Outra das actuais deficiencias da Praza de Abastos son as portas corredizas e os estores verticais da zona do murallón. Estes últimos serán substituídos por outros motorizados, que serán verticais -e non inclinados como actualmente, para evitar o desgaste dos enganches-, e que irán guiados polos propios piares da marquesiña.

Sobre as portas corredizas, as actuais non contan cun marco de protección o que está a provocar roturas nos bordes. O que se propón é renovar as 16 portas con un novo modelo que teña un marco de aceiro inoxidable para evitar golpes e roturas.

Ó proxecto contempla destinar máis de 53.000 euros do orzamento total á intervención dos estores e algo máis de 111.000 euros ao cambio das portas.

Instalacións eléctricas e fontanería

Rematado o máis custoso da actuación, tamén se realizarán pequenas actuacións como a substitución da instalación eléctrica da torre: os cadros actuais son antigos, non se cambiaron na anterior remodelación, polo que urxe o seu cambio.

Por outra banda, no baño adaptado estábanse a rexistrar incidencias continuas por unha mala execución da actual arqueta que será tamén remodelada.