Friday 22 de November de 2024

O Concello e Ferrovial Servicios asinan un convenio de colaboración para a cesión de equipos informáticos destinados a finalidades sociais


A través da Fundación Emalcsa e Serveo, apoiarase a entidades sociais da cidade no desenvolvemento de proxectos e actividades de apoio a persoas en risco de exclusión social

O Concello da Coruña —a través da Fundación Emalcsa— e Ferrovial Servizos (Serveo) puxeron hoxe en marcha un novo acordo de colaboración a través do que se doarán equipos informáticos para o desenvolvemento de diversas iniciativas sociais na cidade.

Neste sentido, e baseándose no convenio subscrito esta mañá, Serveo doará un total de 47 equipos informáticos de sobremesa, oito ordenadores portátiles, dous teclados e 13 ratos de mesa co obxectivo de apoiar e levar a cabo proxectos de índole social, destinados aos colectivos en risco de exclusión social.

Os equipos destinaranse a tres fins principais: á realización de cursos e obradoiros a través de asociacións e entidades beneficiarias dos programas ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ e ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, da Fundación Emalcsa; á súa cesión a familias en situación de risco ou exclusión social para o seu uso por menores escolarizados, con fins didácticos, e, por último, á cesión a entidades non lucrativas de iniciativa social e domiciliadas no ámbito territorial da Coruña, axudando ao desenvolvemento dos seus fins de utilidade social.

O acto de formalización do convenio tivo lugar este venres 17, ás 12.00 horas, na sede da asociación Participa para la Inclusión Social. A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, e vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Yoya Neira, e a delegada de Serveo en Galicia, Inmaculada Arena Lanzas, asinaron o acordo, acompañadas polo xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar; a directora do servizo municipal de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Carmen Pita; a encargada de relacións institucionais de Serveo, Ángeles Borrajo, a xerente de estratexia e planificación de Serveo, Arantxa Martín; e, por último, a representante da asociación Participa para la Inclusión Social, María Martínez Lemos.