Friday 22 de November de 2024

A Consellería de Medio Ambiente remite hoxe ao estado o novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa para a súa aprobación definitiva


A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, informou deste último paso na tramitación ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, con que se reuniu hoxe

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo unha reunión esta mañá co presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, Francisco Marín Muñoz, ao que lle trasladou que o Goberno galego remitirá hoxe mesmo ao Estado o Plan Hidrolóxico Galicia- Costa 2015-2021 para proceder a súa aprobación definitiva, despois de que no Consello da Xunta, celebrado onte, dera o visto bo a este documento.

A conselleira trasladoulle que as últimas xestións sobre este documento son contar co informe preceptivo do Consello Nacional da Auga, que se celebrará o próximo 28 de outubro, e posteriormente ratificalo nun Consello de Ministros mediante real decreto.

Este plan hidrolóxico representa unha folla de ruta cuxo principal obxectivo é alcanzar unha adecuada protección do dominio público hidráulico e un incremento da dispoñibilidade do recurso, satisfacendo as demandas de auga, protexendo a súa calidade, e racionalizando os distintos usos da auga en harmonía co ambiente.

Para chegar a esta meta, o Plan prevé un investimento global de 655 millóns de euros ata 2021, dos cales a Xunta achegará un total de 423, os restantes corresponden a outras administracións. A maior parte deste investimento (410 millóns de euros) destinarase a melloras de saneamento e depuración e, dentro desta área, farase especial fincapé en novos investimentos para as rías galegas, que acadarán os 131 millóns de euros para os próximos seis anos.

Principais novidades
A conselleira informou ao presidente que o novo plan incorpora importantes novidades. Entre elas, destaca que se valorará o estado do 100 por cento das masas de auga, fronte ao 90 por cento que se tiña acadado na anterior estratexia.

A normativa simplifícase, ao pasarse dos 62 artigos do plan anterior aos 45; e por primeira vez, apróbase un réxime de caudais ecolóxicos para cada masa de auga, fronte á anterior fórmula xenérica do 10% do caudal medio, e regúlanse os usos en zonas con risco de inundación.

O documento eleva a prioridade do uso da acuicultura por considerarse un sector estratéxico para Galicia, e iguálao co uso agrícola ou gandeiro.

A demarcación Galicia-Costa inclúe 484 masas de auga, das cales 415 son fluviais, 22 de transición, 29 costeiras e 18 subterráneas. En total, suman uns 12.700 hm3/ano de recursos hídricos dispoñibles. A demarcación conta cunha superficie de 13.000 km2, que supoñen arredor do 44% do territorio galego e concentran 2 millóns de habitantes, distribuídos en 182 concellos.