Friday 22 de November de 2024

Restricións de tráfico entre A Gándara e A Solaina o sábado ao paso das comparsas do Festival de Entroido


O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, informou das restricións de tráfico que terán lugar este sábado, día 18, por varias rúas da cidade con motivo do desfile das comparsas que participarán no Festival de Entroido. A cita dará comezo ás 17.00 horas, cunha concentración na Praza da Gándara, dende onde ás 17.30 partirán cara á pista polideportiva da Solaina.

Romero avanzou que desde as 17.00 horas haberá restricións ao tráfico rodado no traxecto comprendido dende a Praza da Gándara polas rúas Vigo, Concepción Arenal, Cambre, Francisca Herrera, Wenceslao Fernández Flórez, as estradas da Trinchera e Castela nalgún tramo, as avenidas de Santa Icía e da Solaina e as rúas Francisco Pizarro e Cristóbal Colón. O edil apuntou que haberá presenza na zona de axentes da Policía Local, persoal de Protección Civil e tamén colaborarán integrantes do Moto Club Fojeteiros na xestión do tráfico.

Dende o Consistorio solicítanse de antemán desculpas polas posibles molestias que poida ocasionar a medida, que é necesaria para dotar de seguridade o percorrido da comitiva.

Unha vez na pista polideportiva da Solaina, sobre as 18.00 horas, actuarán as comparsas naronesas Tróupele, Tróupele, As deusas da Olympus, Os Argalleiros e Os Parrandolos xunto cos integrantes de A Canteira, de Neda, A Revolta, As Xoaniñas do Chao e Os Colludos de Ferrol. Interpretarán durante dez minutos os temas elaborados para amenizar a celebración, na que tamén haberá un concurso de disfraces para adultos nas categorías de individual, parellas e grupos. As tres comparsas mellor puntuadas polo xurado recibirán como agasallo unha figura conmemorativa do Entroido e os premios para os disfraces serán cestas con produtos típicos do Entroido.