Saturday 23 de November de 2024

A ARMH informará á veciñanza de Bértoa sobre os labores de investigación e prospección que se realizarán no cemiterio


A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica traballa para a recuperación dos restos de catro persoas represaliadas pola ditadura franquista

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) pretende achegar á veciñanza toda a información relativa ao proceso de investigación e prospección que está previsto realizar no cemiterio parroquial de Bértoa para recuperar os restos de catro persoas represealiadas pola ditadura franquista. Coa finalidade de resolver todas as dúbidas que poidan presentarse, o sábado 25 de febreiro, ás 11.30 horas, celebrarase no centro social de Bértoa un encontro aberto a toda a veciñanza.

Co título As vítimas de Queo de Arriba e soterradas no cemiterio de Bértoa: o traballo de investigación e prospección, a voceira da ARMH, Carmen García-Rodeja, ofrecerá todos os detalles sobre o proceso en marcha. A representante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica estará acompañada por María Jesús Fraga Cambón, vogal da Asociación de Veciños As Landras, e por Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Segundo explican dende a ARMH, que leva máis de vinte anos investigando e traballando para a recuperación das persoas represaliadas pola ditadura franquista, “a instancia da familia e a veciñanza investigouse o caso de catro veciños da Coruña que foron secuestrados e asasinados. Os corpos con feridas de bala apareceron o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, e foron soterrados no cemiterio de Bértoa”.

Esas catro persoas eran Juan Boedo Pardo, un gasista de 28 anos; Andrés Pinilla Fraga, conserxe do Colexio de Notarios da Coruña, de 52 anos; Pedro Pinilla Calvete, mecánico de 21 anos, e Francisco Miguel Fernández Díaz, pintor, ilustrador e crítico de arte. Sobre estes catro coruñeses e sobre o proceso de investigación e traballo arqueolóxico para recuperar os seus restos falarase no acto aberto do día 25, no que se recollerán as suxestións e se atenderán as dúbidas que poida ter a veciñanza.