Con cargo ao remanente do POS+2022, o Concello da Pobra do Caramiñal presenta o proxecto dunha pasarela que una a Mercé coa entrada ao Camiño Real, a carón da AC-305. A intervención busca mellora-la seguridade e mobilidade peonil, ademais de redundar positivamente dende o punto de vista turístico ao discorrer por alí o Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe segundo avanzan o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e o concelleiro da Mobilidade, Xabier Santos (BNG). O orzamento de execución ascende a 131.804’19 euros (93.677 euros procedentes da Deputación da Coruña e 38.126 euros da Administración local).
A construción desta senda permitirá continuar o tránsito peonil trala subida ao cruceiro da Mercé, evitando así ter que cruzar dúas veces a estrada para circular a pé en condicións de seguridade ata o inicio do Camiño Real segundo explica Juan Antonio Millán, arquitecto de Cota Cuatro, estudio encargado da redacción do proxecto.
O dito viaduto terá unha lonxitude de 135 metros e materializarase sobre dúas vigas de formigón (unha pegada a un muro de contención e outra colocada nuns piares) que soportarán un tapiz de plástico reciclado con táboas antiesvaradío. A maiores, á altura do cruceiro, adecuarase a incorporación á senda cunha plataforma de granito.
A elección dos materiais responde a criterios de durabilidade, mantemento e redución do impacto paisaxístico.
En representación do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, o seu presidente, Manuel Mariño, xunto coa secretaria, Marián Treus, precisa que esta actuación reforzará a seguridade da peregrinaxe, ademais de beneficiar a toda a veciñanza.
O mandatario local indica que queda pendente que a institución provincial aprobe o Plan en pleno para, deseguido, proceder co inicio do expediente de licitación. Asegura, ademais, que se trasladarán máis propostas en materia de seguridade á Xunta de Galicia; organismo que ten a titularidade da AC-305.