A actitude do xefe da Demarcación de Costas da Coruña, D. Rafael Eimil, denota unha clara falta de respecto polo único concelleiro que tenta desbloquear o retraso que se dá con relación ao proxecto de consolidación de cantís do Regueiro, retraso que alcanza xa os seis anos. Falta de respecto polo concelleiro e falta de respecto polos veciños afectados, quen agardan unha solución ao grave problema que ameaza as súas propiedades.
O proxecto de consolidación de cantís da praia do Regueiro data de marzo de 2017. Asinado nesa data polo redactor do proxecto, o director do mesmo (Carlos Gil Villar) e o xefe da Demarcación territorial de Costas (Rafael Eimil Apenela). Dito proxecto tiña un orzamento base de licitación de máis de un millón de euros. A condición marcada por Costas naquel momento para levar a cabo as obras necesarias pasaba pola imprescindible cesión, por parte dos propietarios dos terreos, dos metros necesarios para poder proceder coa actuación. Cesión ao Concello de Bergondo, para que este puxera ditos terreos a disposición de Costas. Conseguiuse que case todos fixeran a devandita cesión, agás un, en cuxo caso foi completamente imposible determinar a identidade da persoa propietaria. Iso significou un freo evidente ao avance do proxecto. Mais non tiña porque ter significado unha paralización insalvable do mesmo. Durante anos o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente, Juan Fariña, tentou sen éxito convencer á alcaldesa, Alejandra Pérez, para que se buscase a fórmula legal axeitada para salvar o escollo. Foron múltiples as ocasións en que Fariña acudiu á alcaldesa para falar deste asunto nos últimos anos, sen obter nada dela, aparte de evasivas e a demostración palpable dunha falta absoluta de iniciativa e gañas reais de salvar con dilixencia a dificultade xurdida.
Mais a acción inexorable e persistente dun mar que está facendo retroceder de xeito acelerado a liña costeira nesa zona non agarda, nin por calquera trámite burocrático nin menos aínda pola ineptitude, desidia e lentitude clamorosas do Sr. Eimil e da Sra. Pérez. As propiedades afectadas (mesmo algunha vivenda) corren un grave risco de desaparición, polos continuos derrubes desa parte da costa do Regueiro.
Pero, con todo, o verdadeiramente grave non a falta de elegancia e respecto do Sr. Eimil, senón algo que afecta -e de que forma- ao proxecto orixinal e aos veciños e veciñas que xa fixeran as cesións que se lles solicitaron. Todo apunta a que o proxecto de 2017 xa non é válido, cando menos no que ten que ver cos metros necesarios que os propietarios debían ceder. Naquel entón eran 6 os metros solicitados e cedidos para un proxecto que semella non ter sido ben redactado. Agora serían 10 os metros requeridos. Co cal todas aquelas cesións voluntarias terían que ser elaboradas de novo, ou adaptalas a eses 10 metros. Isto constitúe un escándalo en si mesmo. Un despropósito en si mesmo que a alcaldesa e o Sr. Eimil ocultan á opinión pública e á veciñanza afectada. Enténdese así que o “Virrei” territorial de Costas non queira recibir a Fariña e se nos conteste que “El Sr. Eimil ya habló con la alcaldesa acerca ese asunto” como contestación a unha cita formulada o pasado 7 de febreiro para falar da cuestión.
Chegados a este punto, esiximos tanto ao Sr. Eimil como á Sra. Pérez que actúen coa celeridade que o caso merece. É urxente. Xa nos trae sen coidade que o Sr. Eimil nos reciba ou non, mais pedímoslle que faga o favor de facer o que ten que facer con respecto ao problema, e canto antes. E danos igual que de aquí a unha semanas ou meses se faga un anuncio por parte da Demarcación ou a Alcaldía e se atiborren a facerse fotos alí mesmo. O importante son os FEITOS, non as FOTOS. E tanto o noso grupo coma os veciños e veciñas afectad@s queren FEITOS.