Thursday 21 de November de 2024

O Concello peonaliza de forma provisional a rúa Sagrada Familia, unha solicitude da veciñanza para celebrar ao aire libre as actividades de Entroido


O dispositivo especial de mobilidade no barrio comeza este xoves 16, ás 15.00 horas, e rematará o vindeiro mércores 22, á mesma hora

Ademais, este sábado 18, pecharase ao tráfico a rúa de San Andrés para os concursos de comparsas e carrozas, que percorrerán os Cantóns e a Mariña ata chegar á praza de María Pita

O Concello da Coruña, a través do servizo de Mobilidade e a instancias das solicitudes recibidas a través da veciñanza, acomete desde hoxe a peonalización provisional da rúa Sagrada Familia, onde ata o vindeiro mércores 22 se levarán a cabo diversas actividades festivas no contexto do Entroido.

Esta iniciativa, que se executa en colaboración coa asociación veciñal do barrio, dá comezo este xoves 16, desde as 15.00 horas, e rematará o vindeiro mércores 22, tamén ás 15.00 horas. O dispositivo especial previsto polo servizo de Mobilidade abrangue os seguintes cortes de tráfico: na rúa Sagrada Familia, á altura da rúa Nosa Señora da Luz, ata a rúa Nosa Señora de Fátima, enclave no que se levarán a cabo diversas actividades lúdicas estes días de Entroido. Por exemplo, as que terán lugar este domingo 19 (de 11.00 a 14.00 horas), con xogos populares, animación e obradoiros de Entroido na rúa Sagrada Familia.

Neste sentido, o tráfico rodado desviarase na rúa Nosa Señora da Luz cara á rúa Fe, na que se cambia o sentido de circulación e, desde ela, os vehículos poderán acceder á rúa Nosa Señora de Fátima e, de aí, outra vez á rúa Sagrada Familia ou continuar cara á rolda de Outeiro.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá continuidade a experiencias de peonalizacións piloto como as xa levadas a cabo con anterioridade nas rúas San Leopoldo (Agra do Orzán), Alcalde Marchesi (Catro Camiños), Compostela (Ensanche) e Monte das Moas (Os Castros) onde a boa recepción da iniciativa, coa recuperación de espazos públicos para os peóns e a humanización das rúas, derivou posteriormente na peonalización definitiva das mesmas.

O percorrido do concurso de comparsas previsto este sábado 18

Este sábado, 18 de febreiro, as rúas do centro da cidade acollerán dúas das principais celebracións ao aire libre no contexto das festas de Entroido: o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía e orixinalidade, así como o concurso de carrozas.

O dispositivo especial de tráfico previsto polo Concello dará comezo ás 12.00 horas, co peche ao tráfico da rúa de San Andrés, onde se concentrarán todas as comparsas a partir das 17.30 horas.

Ademais, e con antelación á posta en marcha dos concursos, ás 17.00 horas cortarase o tráfico na zona dos Cantóns, desde a praza de Mina e a rúa Durán Loriga, co obxectivo de acotar a área de festexos e paso das comparsas. O percorrido será o seguinte: desde a rúa de San Andrés, as comparsas pasarán pola rúa de Santa Catalina, o Cantón Grande, a avenida da Mariña, avenida de Montouto, Porta Real e, finalmente, chegarán á praza de María Pita.

A maiores, durante esa mesma tarde e desde as 16.30 horas, os autobuses interurbanos non poderán acceder a Entrexardíns, e os buses urbanos desviaranse na praza de Ourense en dirección entrada á cidade, e por Ánimas e o túnel da Mariña en dirección saída.
Toda vez rematen os concursos de comparsas, reabrirase o tráfico, aproximadamente ás 21.00 horas.

Dispositivo especial de tráfico polo Martes de Entroido, día 21

Xa o día 21, Martes de Entroido, a contorna da rúa da Torre e Panadeiras entre a avenida de Hércules e a rúa Sol quedará cortada a partir das 14.00 horas. Este dispositivo especial de tráfico, plantexado para facilitar a mobilidade peonil na área de festexos polos concursos de disfraces na rúa da Torre e o Campo da Leña, finalizará ás 20.30 horas.

Alteracións ao tráfico previstas o día 22, polo Enterro da Sardiña

O día 22, mércores, terá lugar o percorrido especial polo Enterro da Sardiña. A comitiva partirá desde o Circo de Artesáns ás 20.30 horas, cara a praza de María Pita. Desde alí, e xa ás 21.00 horas, desprazaranse ao Campo da Leña, desde onde seguirán o traxecto pola praza de España, a rúa da Torre, Orillamar, Manuel García Canzobre, e a rúa Cutty Sark, antesala da chegada á praia de San Amaro a través do vial de acceso ao Club do Mar.