Valentín González asinou no libro de honra e escoitou de boca do alcalde as solicitudes de cara a plans e obras prioritarias
O Concello de Ordes recibiu esta mañá a visita institucional do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Nesta primeira toma de contacto co municipio dende o seu nomeamento González Formoso foi recibido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, así como polos concelleiros de Educación e Deportes, Luis Caamaño e Susana García, esta última tamén deputada provincial. Tamén asistiron representantes das demais forzas políticas que conforman a corporación municipal.
Tanto o rexedor de Ordes como o presidente da Deputación compartiron abertamente as súas inquedanzas por colaborar na execución de proxectos, “que supoñan un beneficio para a veciñanza e un avance para o municipio”. Neste eido Martínez Sanjurjo destacou a importancia dos 950.000 € outorgados por parte da Deputación destinados ó Plan de Obras e Servizos e ó Plan de Acción Social. Tamén señalou que se trata dunha dotación económica que “permitirá sacar adiante proxectos moi importantes para Ordes, os cales están incluídos nos seus orzamentos”. Neste momento Valentín González mostrou a súa intención de incrementar este tipo de partidas económicas nun futuro. Tamén manifestou o coñecemento e comprensión de cara ás problemáticas e necesidades das administracións locais, grazas ao seu traballo e experiencia como alcalde o que, unha vez máis, o levou a comprometerse públicamente co Concello de Ordes e amosarlle a súa disposición. Intención que así plasmou no libro de honor, no que asinou tras o acto levado a cabo no salón de plenos.
Novos proxectos
Tras isto o alcalde de Ordes presentoulle ao presidente diversos proxectos para os que lle solicitou a súa colaboración. Entre eles destácase a construción dunha senda peonil na zona da Brea, en Mesón do Vento, cun orzamento total de 317.000 euros. Un proxecto no que se reflexan a canalización de augas pluviais, fecais, abastecemento e sistma luminoso, así como o afirmado.
Tamén tiveron ocasión de concretar máis pormenorizadamente a mellora do firme da estrada que une Ordes con Cerceda por Virís, a día de hoxe aprobada e asinada cun orzamento de 241.700 €. Concretamente solicitouse un reaxuste do proxecto para ampliar a plataforma de 7 a 9 metros, o que permitiría incluír arcenes aumentar a seguridade tanto para peóns como para os condutores das zonas poboadas, como por exemplo a Bailía.
Outro punto que se abordou foi a ampliación e mellora do pavillón do CEIP Campomaior, xusto a carón do centro escolar. Unha obra que permitiría a construción dun ximnasio anexo que se destinaría tanto á actividade do centro académico como para o resto da poboación. Unha medida que ademais permitiría desconxestionar algúns dos espazos onde o Concello desenvolve varias actividades do seu programa municipal.
Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Luis Caamaño, demandou a construción dun segundo campo de herba artificial na zona deportiva de Vista Alegre, co fin de poder ofrecer un mellor servizo ás escolas deportivas e demais usuarios aleccionados ao fútbol.