Saturday 23 de November de 2024

O BNG de Oleiros denuncia a incompetencia da Xunta para solucionar a grave situación de risco para a mobilidade a pé da zona do Couto, na estrada AC-173


Iván Roca: “Na AC-173 fica demostrado o desleixo da Xunta coa rede viaria que é da súa competencia. Coa seguranza da cidadanía non se xoga”

O BNG solicitará ao Concello de Oleiros no vindeiro pleno, que asuma como propia a demanda da cidadanía do Couto e adopte unha posición protagonista na defensa da mesma.

Pasados 15 meses desde o inicio das mobilizacións das veciñas e veciños do Couto (Dorneda) para reclamar un paso de peóns na AC-173, o problema segue sen solución. A Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galiza é incapaz de ofrecer unha solución práctica ao problema de seguridade vial na estrada da que é titular.

A Xunta de Galiza ven de denegar as demandas da veciñanza do Couto baseándose en dubidosos criterios técnicos e mantendo a grave de situación de inseguranza na vía con argumentos tan peregrinos como a cualificación da vía xa que se trata dun “tramo urbano” e non dunha “vía urbana” ou de que nas marxes da estrada só existen “16 vivendas” e non as “20 vivendas” necesarias, obviando numerosas vivendas existentes na zona. Na actualidade a cidadanía só ten aberta a vía xudicial para reverter unha situación de marcado verniz político.

Ivan Roca, concelleiro do BNG, considera “ incomprensíbel que a cidadanía do Couto, perante o abandono das Administracións competentes e nunha cuestión tan importante como a seguranza viaria, teña que acudir á via xudicial pola súa conta e risco”

Desde o BNG de Oleiros urximos ás autoridades competentes, Xunta de Galiza (Administración competente) e Concello a que senten e acaden unha solución política de maneira inmediata ao grave problema de seguranza do Couto.

Observamos con abraio os últimos acontecementos vencellados a “actuación” da Conselleira de Infraestruras e mobilidade no noso Concello que vai da “chafallada” e incompetencia máis abosluta nun elemento tan simple e básico como a quen corresponde aprobar un proxecto de trazado (Vía Ártabra), ao desleixo máis absoluto coa cidadanía no Couto, até a improvisación máis electoralista na ocorrencia da pasarela de Santa Cristina. Estas actuacións da devandita Conselleira están a ocasionar irreparábeis prexuízos para o noso Concello.