Friday 22 de November de 2024

Todo listo en San Sadurniño para un Venres de Entroido que se celebrará en dúas veces, unha pola mañá e outra á tardiña


O Concello de San Sadurniño xa ten montada na praza do Convento do Rosario a carpa que acollerá as celebracións principais do Entroido local, que se desenvolverán en xornada de mañá para a rapazada do CPI e outros colectivos e á noitiña para o público en xeral. Na festa nocturna, animada pola charanga Os Charangos, haberá liscos a 5€ -consumición incluída-, pasarela de disfraces e premios para as mellores máscaras e comparsas. Ademais tamén se farán os sorteos correspondentes ás “Entroidadas”, a proposta municipal de decorar vivendas e negocios con espantallos durante o carnaval que este ano contou con tan só sete participantes. Ah, e o sábado o Entroido trasládase ao local social da Veiga, en Naraío, onde a asociación veciñal organiza un baile co dúo compostelán Eva e Camilo e tamén sorteos de agasallos.

O programa de pola mañá diríxese principalmente ao alumnado do colexio público, aínda que o departamento de Cultura tamén convidou ás nenas e nenos da EIM A Rolada e ás persoas usuarias tanto do Centro de Día como da residencia Suacasa.

A idea da concellaría é que as crianzas máis pequenas saian da escola sobre as 11:15 con destino á praza na compaña da escola de Cantos de Taberna, mentres que os cursos do CPI farán o propio percorrendo parte da Avenida Marqués de Figueroa -cortarase a circulación nese momento- coas escolas de Gaita e Pandeireta. Se o programa vai sobre o previsto, ambos grupos reuniranse na carpa ás 11:30h para escoitaren o pregón entroideiro que lerá o actor Pedro Picos.

Durante o evento actuarán as escolas municipais, servirase chocolate con orellas e, ademais, tanto os grupos do colexio como os da EIM poderán lucir os seus traxes nun pequeno desfile que se lles organizará sen saír do recinto ás 12:45h.

Sesión de serán
A festexada para o público en xeral comezará sobre as 20:00h e tamén se acompañará con música da charanga Os Charangos, liscos con pan a e consumición por 5€ e con premios para os mellores disfraces. O xurado valorá, entre outras cousas, a orixinalidade e a animación, dentro das seguintes categorías:

Infantil individual (0 a 8 anos): dous premios en vales de 30€ para canxealos en establecementos locais
Xuvenil individual (9 a 17 anos): dous premios en vales de 30€ para
Adulta individual (18 anos en diante): dous premios en vales de 30€
Grupo (formado por entre 2 e 6 persoas, sen límite de idade): un vale de 100€
Comparsa (7 ou máis persoas): un vale de 200€ se só participan no desfile perante o xurado e outro de 300€ para a que gane no apartado musical, non acumulables
As inscricións haberá que facelas antes das 21:00h na propia carpa e cada participante só poderá concursar nunha categoría. Os premios entegaranse ao remate da festa, igual que os correspondentes ao certame de espantallos “Entroidadas” que convidou a decorar as portas de vivendas e negocios con bonecos artesanais alusivos ao carnaval e a música. Na proposta municipal -cuxas fotografías están publicadas no Facebook do Concello- este ano só houbo sete inscricións.

Entroido en Naraío e cocido en Lamas a semana que vén
A Asociación veciñal O Castelo de Narahío recupera o sábado a partir das 22:30h a celebración do seu baile de máscaras tralo parón pandémico cunha velada musical animada polo dúo Eva e Camilo. A formación é especialista en repasar éxitos de todas as épocas, parándose especialmente nos hits autóctonos que colocaron no máis alto das listas radiofónicas artistas como Ana Kiro, Xil Ríos, Os Tamara e outros. Durante a noite haberá varios sorteos coas rifas que se entregarán de balde con cada consumición.

A seguinte cita entroideira será o próximo 25 de febreiro, no cocido organizado pola AVV Xuntanza de Lamas. O menú servirase ás 14:00h é o propio deste tempo: sopa de cocido, cocido, doces típicos, pan, bebida e café, ao prezo de 20€ as persoas socias, 24€ as non socias e menores de 12 anos gratis.

Hai que anotarse no 618 838 760 ou no 664 203 738. O último día para gardar sitio é o martes 21. Segundo anuncian no cartel, haberá música e, sobra dicilo, pódese ir xantar con disfrace.