O investimento, cofinanciado pola Deputación, ascende a 310.000 euros máis impostos
Juventino Trigo e a propiedade subscribiron esta mañá perante notario os documentos de compra-venda
As novas dependencias dedicaranse a oficinas municipais e a garaxe dos vehículos municipais
O baixo e o entresollado situado na confluencia do Camiño da Casanova con Naturais de Fene é, desde hoxe, de titulariedade municipal. Así quedou reflectido no documento de compra-venda subscrito hoxe mesmo na notaría de Fene polo alcalde, Juventino Trigo, e polos representantes de Parque de Cela S.L., propietaria de ambos inmobles que pasan agora a mans do Concello por un prezo de 310.000 euros máis impostos. Deste modo certifícase unha operación na que o Goberno local levaba dous anos traballando e que, ademais, conta cunha achega provincial de 248.000 euros. A finalidade das novas dependencias, unha vez acondicionadas, será acoller o Xulgado de Paz, as oficinas de Promoción Económica e Turismo, o departamento de Promoción e Emprego e o Arquivo Municipal, así como utilizar o baixo como garaxe.
Os dous inmobles forman parte dunha construción triangular situada entre o Camiño da Casanova e as escaleiras de acceso ao Parque Castelao, xusto á beira da Avenida Naturais de Fene e a pouco máis de 100 metros da Casa do Concello.
A parte inferior, de 809 m2, está previsto dedicala a almacén e estacionamento de vehículos municipais, mentres que a superior -de 883 m- prepararase para acoller varios servizos, aliviando deste modo os problemas de espazo que padece neste momento a Administración local.
Alén de solventar a falla de sitio, o Concello tamén pretende coa compra dárlle solución aos problemas de accesibilidade detectados en varias dependencias, como é o caso do Xulgado de Paz, os servizos de Promoción Económica e Turismo ou o departamento de Formación e Emprego, situado nun primeiro andar sen ascensor.
Estes tres servizos serán os que, en principio, se trasladarán ao novo entresollado escriturado hoxe, situado a pouco máis de cen metros da sede consistorial. Ademais, o Goberno local tamén ten intención de levar para o novo edificio todo o Arquivo Municipal, que nestes momentos ten a maior parte dos seus fondos gardados nun espazo alugado.
O importe da compra acordado cos propietarios xa en 2021 ascende a 310.000 euros máis impostos, dos que a Deputación achegará 248.000 -o 80%-, mentres que o Concello de Fene porá con recursos propios o 20% restante, ademais dos custes rexistrais, de notaría e o IVE. O financiamento provincial é resultado dun convenio nominativo asinado en agosto pasado entre o rexedor e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.
O alcalde, Juventino Trigo, reiterou trala sinatura das escrituras o agradecemento municipal á parte vendedora -a sociedade Parque de Cela S.L.- polas “facilidades” e a súa “boa disposición” para o acordo, que Trigo cualifica como “moi beneficioso para o Concello” desde o punto de vista económico -un informe técnico encargado polo consistorio valorou os inmobles en 417.000 euros, 107.000 por riba o prezo final de compra-, pero tamén polo espazo que se gana para usos municipais.
Neste sentido o rexedor insiste en que as novas dependencias “que agora deberemos acondicionar” van supor “unha importante mellora nas condicións de traballo do persoal municipal e tamén unha mellora na atención ás persoas usuarias dos servizos que se instalarán alí”.
O alcalde destacou “a boa situación” das futuras oficinas que, segundo describiu, “quedan moi preto da Casa do Concello e á beira de Naturais de Fene, unha das nosas principais avenidas. Pero para nós un dos principais valores do sitio, ademais do espazo, é que ten entrada a nivel desde a rúa Camiño da Casanova, o que ofrece boa accesibilidade para a veciñanza que teña que facer calquera xestión”.