ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN
Nos talleres poderán participar nenas e nenos, pero as primeiras terán preferencia no caso de que haxa máis solicitudes ca prazas
No ano 2018, un de cada tres investigadores eran mulleres. Segundo datos da ONU, en moitos países hai paridade nas ciencias da vida, pero as mulleres seguen sendo minoría na informática, a tecnoloxía da información dixital, a física, as matemáticas e a enxeñería, eidos que están impulsando a revolución dixital e, polo tanto, moitos dos empregos do futuro.
Fomentar o acceso das nenas a eses ámbitos é a fin do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que vén de celebrarse o día 11, pero este ano tamén o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá como lema “Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”.
Entre estas dúas datas, dende as áreas de Igualdade e Innovación estamos a organizar para os próximos días unha serie de actividades que pretenden sumar esforzos de cara á consecución dos obxectivos marcados pola ONU.
A primeira proposta son os obradoiros de robótica que se celebrarán o día 25 na Biblioteca Rego da Balsa, e nos que, aínda que están abertos tanto a nenas coma a nenos, no caso de que haxa máis solicitudes ca prazas terá preferencia a participación feminina. As inscricións poden realizarse no 981 758 580.
De 10.00 a 11.20 horas levarase a cabo o taller Os segredos das mulleres tecnolóxicas, dirixido a participantes de 8 a 12 anos. Neste obradoiro, descubrirán o papel das mulleres na enxeñería informática e introduciranse no mundo da programación a través da ferramenta Micro:BIT, unha placa programable que integra diferentes sensores e actuadores, o que permite desenvolver multitude de proxectos.
Ás 11.30 arrincará a segunda proposta, Aventuras con mulleres científicas, para nenas e nenos de 6 a 8 anos.