Friday 22 de November de 2024

Santiago acolle esta fin de semana a primeira proba do Campionato de España e de Galicia de Enduro


Compostela acollerá a proba inicial do Campionato Nacional de Enduro. Do venres 17 ao domingo 19 de febreiro, os circuítos dispostos na contorna do Estadio Verónica Boquete acollerán á elite a nivel nacional deste deporte de resistencia e habilidade.

A concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, presentou esta proba nunha rolda de prensa na que tamén participou o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Camba, o piloto Enric Francisco e o coordinador da Comisión de Enduro, Víctor de la Guardia.

A concelleira recordou que o enduro “é unha modalidade deportiva do motociclismo que se practica en campo aberto ou cuberto. Unha disciplina que combina habilidade, destreza e velocidade, polo que é unha modalidade ideal para os amantes do deporte de aventura” e tamén convidou á veciñanza a asistir ás probas “sempre respetando todas as medidas de seguridade”.

Santiago acollerá a primeira das citas do campionato nacional que virá seguida por outras probas que se desenvolverán ao longo deste ano en Oliana (Lleida), Lalín, A Estrada ou Barcelona.

O Enduro de Santiago, que consta de varias categorías (supertest, extreme test, enduro test, e cross test), arrincará o venres ás 18:00 h da tarde co habitual supertest situado xunto ao paddock, nos exteriores do estadio Verónica Boquete. Mentres que, sábado e domingo, desde as 09:30 da mañá, os pilotos participarán nas modalidades de extreme, enduro e cross.

O Gran Premio de España está organizado polo Moto Club Movete na Moto coa colaboración das federacións internacional, española e galega de Motociclismo e conta co apoio do Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Deporte Galego, a Xunta de Galicia, a Policía Nacional e Local, a Garda Civil e Protección Civil de Santiago.