Actuarase en 300 km de estradas, 83 km de camiños forestais e preto de 32 hectáreas de terreos.
O Concello iniciou a licitación dos contratos do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. A finalidade é acometer durante os próximos meses os traballos de eliminación da vexetación herbácea nas marxes das vías para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e peóns e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para actuar en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
En determinadas vías e parcelas contémplase a realización de dúas, tres ou ata catro intervencións para mantelas en boas condicións ao longo dos próximos meses.
Co propósito de axilizar as traballos, cada licitante só poderá resultar adxudicatario dun dos cinco lotes nos que está dividido o contrato, e que son os seguintes:
- Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño.
- Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres.
- Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo.
- Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal.
- Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal.
Nos próximos días os pregos que rexerán o procedemento serán publicados na Plataforma de Contratación del Sector Público, abríndose nese momento o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas licitadoras.