Friday 22 de November de 2024

O enterro do Felipiño do Maño marcará o remate do Entroido pobrense no 25 de febreiro


A Pobra do Caramiñal despedirá o Entroido co enterro do Felipiño do Maño no 25 de febreiro. Trátase dunha actividade organizada pola veciñanza do lugar coa colaboración do Concello, que se recuperou oito anos atrás.

No acto de presentación, a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), fixo fincapé na importancia de perduraren no tempo estas tradicións grazas ao afán da veciñanza. En representación da organización, asistiu Pastor Lago, quen relatou cal será a dinámica.

O singular cortexo fúnebre partirá ás 19.00 horas dende o campo do Maño para face-lo percorrido habitual polas rúas da vila. Despois de pasada a medianoite, arredor das 01.00 horas, procederase xa coa incineración na rampla do peirao, a carón da praia dos Areos.

A comitiva irá acompañada do grupo de música tradicional Trécola e da charanga RqR.

A Policía local e a Protección Civil velarán pola seguridade no transcurso do evento.