Os axentes da Policía Local Juan José Cela López e Santiago Salgado Morado, tomaron oficialmente onte posesión do seu cargo como funcionarios de carreira no Concello de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, deu a benvida aos dous novos policías nun acto ao que tamén asistiron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, e o secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado.
Os dous novos axentes incorpóranse ao seu posto tras superar as fases previas na Academia Galega de Seguridade Pública e as pertinentes prácticas. A rexedora local interesouse polo proceso formativo dos policías, e valorou o feito da súa incorporación ao plantel da cidade, “integrado por un grupo de profesionais moi comprometidos e implicados no seu traballo diario”.
A alcaldesa recordou que coa incorporación dos dous axentes o plantel da Policía Local de Narón queda actualmente integrado por 39 persoas.