O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, expuxo hoxe os piares básicos do novo modelo de coidados de Galicia durante un encontro con responsables de residencias da área sanitaria da Coruña e Cee. A actividade estivo organizada pola Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial desta zona sanitaria e contou coa participación dos directores das residencias de maiores Torrente Ballester e El Pilar, Juan Cores e Ana Maroño, respectivamente; así como da enfermeira da Unidade de Coordinación de Residencias, Mercedes Domínguez.
Antón Acevedo explicou que o modelo de coidados que está xa a implantar a Xunta de Galicia ten como obxectivo facer máis humanas e accesibles os centros residenciais para que os seus usuarios se sintan neles como nas súas casas. Os eixes deste novo modelo son a formación continua dos profesionais, o aumento da coordinación sociosanitaria, o aproveitamento das novas tecnoloxías e as melloras arquitectónicas nos centros coa creación de espazos de convivencia.