Advertimos á alcaldesa de que, de non atender a esta demanda, denunciaremos a situación alí onde corresponda. Non imos parar ata que non retire das oficinas municipais esta obriga vergoñenta e insultante para a cidadanía
O Defensor del Pueblo afirma que, a petición de CITA PREVIA forzosa supón un incumprimento obxectivo e directo do artigo 103.1 da Constitución. A actual lei do réxime xurídico do sector público obriga a que as administracións respecten na súa actuación os principios de servizo efectivo e proximidade á cidadanía. A Lei de Procedemento Administrativo recoñece á cidadanía dereitos como: acudir ós rexistros públicos para presentar solicitudes e recursos, e a ser tratados con respecto e deferencia polas autoridades e empregados públicos, que terán que facilitarlles o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Con respecto á Administración electrónica, a lei deixa ás persoas decidir libremente si queren ou non facer uso desa vía. A imposición de cita previa en determinados departamentos do Concello, como son o Rexistro e o Padrón municipal vulnera todo isto.
A cita previa, foi unha habilitación de ámbito temporal polo tempo de duración da pandemia, que amparou ás autoridades para que a aplicaran exclusivamente no período de pandemia, concedida de forma extraordinaria e ao amparo do disposto polo Real Decreto-ley 8/2020 de 17 de marzo de medidas urxentes extraordinarias.
A Constitución Española esixe que a Administración actúe en todo momento con sometemento pleno á lei e ó dereito. En Bergondo non se está facendo, por capricho ou cerrazón (ou polo mero feito de non dar o brazo a torcer) de Alejandra Pérez Máquez. Como xa indicamos, a cita previa obrigatoria é ilegal e inconstitucional. A pesar disto, a día de hoxe aínda se nos impón pola forza, sen unha lei que a ampare, marxinando a cidadáns e cidadás de forma insensible e inxustificada.
Por outra parte, esiximos á alcaldesa que tome as medidas oportunas para erradicar a conduta inadmisible da funcionaria María Pardo Fafián, consistente no uso innecesario e inxustificable dun sistema de altofalantes instalado no rexistro municipal, o cal provoca que a súa voz se escoite en todo o edificio da casa consistorial, causando un intolerable atentado contra a privacidade das persoas que acoden ao rexistro e os seus datos de carácter persoal. O noso voceiro municipal teno moi claro; “Se a señora Pardo non escoita ben ou ten medo de que non a escoiten a ela a solución é ben doada; retirar as cristaleiras do rexistro, esas que nunca fixeron falta nin moito menos fan falta agora. O rexistro do concello non ten que ser unha oficina blindada nin un búnker”. No mesmo sentido Fariña apunta o seguinte; “Xa lle advertín en reiteradas ocasións á alcaldesa que o que fai a señora Pardo coa megafonía non é admisible e que tomara medidas, mais Alejandra Pérez fai caso omiso, mesmo ante aquelas cousas que ela mesma ve ou escoita”.
En resumen, Alternativa dos Veciños de Bergondo advirte á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, que de non corrixirse as dúas circunstancias referidas antes de que finalice o mes de febreiro denunciaremos ambas as dúas alí onde corresponda. Non imos tolerar que nin a alcaldesa nin ningunha funcionaria impoñan condutas ou normas atentatorias contra a lei e contra a cidadanía.